Denuncian os abusos que sofren as traballadoras do Gadis de Concheiros, en Compostela
A CIG-Servizos concentrouse esta mañá diante do Gadis de Concheiros, en Santiago de Compostela, para denunciar os abusos que padecen as traballadoras nese centro de traballo. Abusos que están a provocar que haxa empregadas que saen chorando do traballo polas faltas de respecto e os berros constantes. Unha situación “intolerable” que está a derivar en problemas de saúde, como ansiedade.
A CIG-Servizos denuncia que a empresa é coñecedora desta situación pero que, lonxe de actuar para pórlle freo, está permitindo que siga pasando sen facer absolutamente nada.
Saúde laboral, saúde mental
Neste sentido, Lucía Freire, representante da CIG-Servizos, lembrou que se vén alertando desde diferentes instancias do deterioro da saúde mental ou da cada vez maior sobremedicación con ansiolíticos.
Denunciou que, porén, “non se está indo ás causas que son, en moitísimos casos laborais, pola precariedade, por ter que ir a traballar todos os días e ser pobre, porque estás malpagada, ou porque estás sufrindo situacións de presión e abuso intolerables”.
Por iso considerou que alén da deficiente atención que se lle está dando á saúde mental “mentres non cambien as condicións laborais os problemas de saúde mental seguirán medrando, porque non é normal que ir traballar derive en problemas de ansiedade ou depresión, nin que teñas que ir ao teu posto atiborrada de pastillas”.
Unha situación diante da que concluíu que “é responsabilidade das empresas poñer todos os medios para garantir a saúde laboral e, neste caso concreto, de Gadis, que debe actuar para que o que agora están pasando as traballadoras non se repita”.