Denuncian o progresivo desmantelamento do servizo de Emerxencias do Concello de Sanxenxo
A CIG-Administración de Pontevedra denunciou hoxe conxuntamente con CCOO o progresivo desmantelamento do servizo de Xestión Local de Emerxencias do Concello de Sanxenxo, xa que os cambios anunciados polo Goberno local suporán que deixará de funcionar 24 horas e pasará de 18 a 12 operario/as.
Representantes das dúas organizacións sindicais compareceron esta mañá en rolda de prensa xunto aos traballadores/as afectados/as para rexeitar o que consideran “a desaparición na práctica” do servizo. Segundo explicaron, esta situación é consecuencia da “mala xestión económica” dos responsábeis municipais, con alcalde Telmo Martín á cabeza, e lembraron que o Concello encargoulle o ano pasado unha auditoría a unha empresa externa “para ver como mellorar a situación”. A partir de entón o Goberno local adoptou unha serie de decisións como privatizar o Servizo de Axuda no Fogar e anunciar tamén a privatización do servizo de socorrismo de praias para 2021.
O motivo alegado polo alcalde é unicamente económico, con números inflados e falsos
E o martes pasado o alcalde convocou o persoal de Emerxencias a unha reunión para transmitirlles a decisión, “xa tomada e anunciada na prensa no mesmo instante en que se lle comunicaba aos traballadores/as”, de que o servizo ía pasar a traballar 16 horas ao día, polo que sobrarían seis efectivos. “O motivo alegado é unicamente económico, con números inflados e falsos”.
Dende as centrais sindicais consideran que esta decisión non só supón un prexuízo para a veciñanza de Sanxenxo, senón que tamén constitúe unha falta de respecto do alcalde a todos/as os veciños/as, xa que pretende que o servizo volva estar operativo 24 horas durante o período estival. “Isto convirte os habitantes da localidade en cidadáns de terceira, porque semella que se teñen que conformar coas faragullas dos servizos que sobran de atender os turistas”.
Aumento dos tempos de resposta
O rexedor xustifica a decisión no feito de que o servizo de Emerxencias do Concello de Sanxenxo supón unha duplicidade coa cobertura do Servizo Provincial de Bombeiros, con sede en Ribadumia. “Isto é totalmente falso, pois os tempos de resposta pasarían de catro minutos actuais que ofrece o servizo local aos 17 minutos, no mellor dos casos, que pode ofrecer o parque de Ribadumia; e isto no caso de que poidan intervir se non se atopan atendendo outra emerxencia dentro da súa zona de cobertura, que é moi ampla, abarcando até Cotobade”.
Neste senso, amosan a súa sorpresa polo feito de que non exista unha aposta máis firme por parte da Xunta de Galiza e da Deputación de Pontevedra por potenciar o servizo local de Emerxencias do Concello de Sanxenxo.
Ao mesmo tempo, critican que a proposta que se lle trasladou ao persoal afectado, “e non aos seus órganos de representación”, supoña na realidade unha merma da seguridade destes/as traballadores/as á hora de levar a cabo unha actuación, xa que pasarían de ser tres os membros dunha a quenda a ser dous; o que en moitos casos graves os obrigaría a elixir entre arriscar a súa propia vida entrando en solitario nun incendio ou a non socorrer ás persoas afectadas que se atopasen no interior até a chegada de máis medios”.
Para rematar, lembran que casualmente esta decisión vén precedida e coincide no tempo cunha serie de sentenzas que os Xulgados do Social ditaron en favor dos traballadores/as deste servizo, “deixando en evidencia a mala xestión que o Concello fai en materia laboral”.