O Sergas pecha camas na área sanitaria de Vigo mentres negocia que Povisa xestione a lista de espera
A federación de Saúde da CIG de Vigo denuncia o peche de camas durante o verán na sanidade pública mentres o Sergas negocia con Ribera Salud (propietaria do hospital Povisa) un novo contrato para xestionar a lista de espera da área sanitaria.
Dende a central sindical sinalan que o período do verán, que soporta menos presión de determinadas patoloxías, “podería ser unha oportunidade para incrementar o número de cirurxías para acurtar a lista de espera que padecemos, tanto a histórica que arrastramos como a ocasionada pola diminución de actividade durante a pandemia”.
O verán podería ser unha oportunidade para incrementar as cirurxías e acurtar a lista de espera
Por iso lamentan que no canto de facelo, a Consellería de Sanidade aposta por dedicar máis cartos á sanidade privada. “Mentres se pechan camas, o Sergas negocia con Ribera Salud un contrato de varios millóns de euros para que a empresa de Centene Corporation, con sede en St. Louis, Missouri, xestione a lista de espera da área sanitaria de Vigo”.
Neste senso, consideran que sería difícil de explicar que se incremente a derivación e os cartos que se lle entregan a esta empresa, no canto de utilizalos para reforzar os recursos públicos.
“E se é necesario aumentar os recursos humanos, que se faga a cargo dos cartos que se pensan dedicar ao incremento da concertación coa sanidade privada”, rematan.