Denuncian o estado insalubre no que se atopa o servizo de Familia e Infancia de Ourense pola rotura dun cano de augas residuais
Segundo explican dende a federación de Administración da CIG, a rotura dun cano de augas residuais do edificio enchoupou os despachos, un almacén e unha sala de espera “lixando paredes, mobiliario, teléfonos, equipos informáticos, expedientes e o sistema de calefacción por aire”.
Como consecuencia, persoal e usuarios/as deste servizo teñen que aturar “un cheiro insoportable nada máis entrar ás dependencias” e os restos de suciedade son visibles en paredes e fiestras interiores. Ademais, os malos olores increméntanse cando se pon en marcha o sistema de calefacción por aire.
A pesar do tempo transcorrido dende o incidente, a día de hoxe só se levou a cabo unha reparación provisional do cano, “e o servizo de limpeza do centro acometeu unha primeira limpeza cos medios dos que dispoñen, sendo necesaria unha limpeza e desinfección exhaustiva de restos de sucidade e bacterias, mais dende a Xefatura Territorial de Política Social comunícannos que non limparán e desinfectarán definitivamente até que a avaría sexa reparada”.
Dende a CIG-Administración sosteñen que esta situación está a provocar queixas dos traballadores/as pola falta de salubridade, limpeza e hixiene nas zonas afectadas e lembran que a este centro asisten familias, crianzas e embarazadas, “que están a facer uso das zonas e da sala de espera afectadas”.
Diante disto, denuncian que se estea a expor a persoal e usuarios/as a un risco sanitario e sosteñen que a actuación correcta neste caso sería o traslado dos empregados/as afectados/as e a atención ao público “a unha localización temporal mentres non se proceda á desinfección axeitada do recinto”.