Denuncian o despedimento inxusto dun traballador do servizo de socorrismo da Coruña
O comité do servizo de Salvamento e Socorrismo dos areais da Coruña denuncia o despedimento dun compañeiro a pasada semana, aplicándolle de maneira completamente desproporcionada o regulamento de faltas e sancións do convenio. Subliñan que, este traballador fora obxecto de discriminación pola empresa que ten adxudicado o servizo durante a campaña do pasado verán.
"Este ano e co contrato de emerxencia, a empresa optou por despedilo por dirixirse a unha superior de xeito inadecuado, aplicando de modo esaxerado e desproporcionado o réxime de faltas e sancións", apuntan.
Dende o comité tamén denuncian que a coordinadora do servizo carece da titulación esixida no prego de condicións, ao que hai que engadir outras incidencias como "as carencias nos equipamentos (de dúas motos, unha cando non as dúas están inoperativas), falta de protocolo axeitado de actuación contra a Covid-19 e a súa correcta aplicación, falta de EPI para atender as/os bañistas e protexernos a nós e ás/aos usuarios dos areais, facilitando materiais insuficientes e que non son os que recolle o servizo de prevención alleo, ausencia de constitución do Comité de Seguridade e Saúde, etc.".