Denuncian o desmantelamento do departamento de produción da empresa ourensá Egatel

O traslado da maquinaria, executado durante a fin de semana, afecta aos tres delegados de persoal da CIG
Ourense - 30 Set 2025

A CIG-Industria de Ourense denuncia o desmantelamento do departamento de produción de Egatel, empresa especializada no deseño, desenvolvemento e fabricación de equipos para a radiodifusión de televisión e comunicacións vía satélite, cuxa maquinaria foi trasladada durante a fin de semana a Nigrán. Decisión que non lle foi comunicada previamente á representación sindical e que curiosamente lle afecta aos tres delegados de persoal da central.

Dende a CIG sinalan que cando o persoal se presentou o luns pola mañá na empresa atopouse cunha “sorpresa maiúscula”: a maquinaria coa que traballaba desaparecera, xa que supostamente fora trasladada para a localidade pontevedresa de Nigrán “a pesar de que a empresa non ten instalacións coñecidas alí”.

A central puxo en coñecemento da Inspección de Traballo o acontecido, ao entender que se vulnerou o dereito ao traballo das persoas afectadas. “Curiosamente trátase dos tres delegados de persoal da CIG, polo que todo apunta a unha estratexia de Egatel para trasladalos ou para desfacerse deles”.

Neste sendo, a federación de Industria leva tempo denunciando o proceso de deterioro da compañía dende que foi adquirida por un fondo de investimento, que nos últimos anos aplicou ERE e ERTE aos que a central se opuxo. “Agora levaremos adiante de novo a acción sindical e xudicial oportuna na defensa dos dereitos das persoas traballadoras e para garantir a continuidade dos empregos en Ourense”.

Inxentes subvencións públicas

Dende a CIG-Industrial lembran que Egatel recibiu e recibe inxentes axudas públicas, sen ir máis lonxe en 2024 do Igape e do programa Investigo da Xunta de Galiza. E neste ano do Plan Galicia Emplea, tamén da Xunta. “É subvencionada para crear emprego en Ourense ao tempo que desmantela as instalacións produtivas. Unha nova empresa que abandona -neste caso a área produtiva- o Parque Tecnolóxico, sen que a Xunta nin a Deputación de Ourense fagan nada por frear esta sangría”, rematan.