Denuncian o atraso na licitación da escola infantil municipal de Vilagarcía

A CIG desenvolveu unha nova mobilización este sábado para reclamar a axilización do proceso ou a xestión directa do centro
Vilagarcía - 01 Xun 2026

Persoal e familias usuarias da escola infantil pública municipal de Vilagarcía mobilizáronse este sábado por cuarta vez diante do consistorio convocadas pola CIG para denunciar o atraso da licitación do centro e reclamar a axilización do proceso ou a xestión directa do servizo por parte do Concello.

Dende a CIG do Salnés lembran que o Goberno local prometera que nesta primavera estarían listos os pregos de condicións do concurso e que a representación legal das persoas traballadoras participaría na súa elaboración, “pero a día de hoxe nin temos os pregos nin están a contar con nós para a súa elaboración”. Ao mesmo tempo, denuncian as condicións laborais que padece o persoal por non ter licitada e sacado a concurso en tempo este servizo público municipal. 

O persoal continúa a prestar o servizo cobrando menos por culpa de que o Concello segue a demorar a licitación

E isto malia que na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado 27 de abril asegurouse, tal e como figura na acta da sesión, que “na actualidade estase a preparar polo departamento de contratación a licitación do servizo da escola infantil municipal, cunha previsión de adxudicación no primeiro trimestre de 2027”.

Dende a central sindical pregúntanse o motivo deste atraso, xa que nun primeiro momento se anunciara para a primavera de 2026. “Alguén está a ter en conta as consecuencias que para o persoal se derivan desta situación?, xa que continúan a prestar o servizo cobrando menos por culpa de que o Concello segue a demorar a licitación. Polo que consideran que os responsábeis desta situación deberan asumir os custes que está a provocar que as persoas traballadoras padecen unha perda salarial dende xaneiro de 2025.

Mobilizacións cada dous meses

En consecuencia, consideran que a totalidade dos soldos deixados de percibir e que se xeraron neste período deben de ser axeitadamente compensados, “e a forma correcta de facelo é atendendo ao escrito presentado na Alcaldía o pasado 16 de abril, no que se reclama resarcir o persoal polos salarios deixados de percibir dende o 1 de xaneiro de 2025 e até que entre en vigor a nova concesión, así como a inmediata remunicipalización do servizo ou a súa licitación urxente para que estea en vigor ao comezo do curso seguinte”.

Finalmente, dende a CIG sosteñen que o cadro de persoal está disposto a continuar coas mobilizacións cada dous meses e a adoptar as medidas que considere oportunas tanto de denuncia social como xurídicas ou penais que se puideran derivar deste desleixo por parte do Goberno local, “xa que non existe ningún tipo de xustificación nin de fundamento obxectivo para manter durante estes anos un servizo nesta situación, a non ser unicamente a vontade ou o capricho do goberno”.