Denuncian, na sede do BBVA en Bilbao, a “liquidación sistemática e programada” do cadro de persoal
Representantes da CIG, ELA, LAB, SACT e SEC concentráronse esta mañá diante da sede da entidade en Bilbao para denunciar que a dirección despide “inxusta e arbitrariamente” a traballadores e traballadoras mentres eles “se forran e non asumen responsabilidades”. A mobilización celebrouse en vésperas da Xunta de Accionistas do BBVA, que terá lugar mañá venres, na que se decidirá un “reparto escandaloso de millóns de euros para directivos/as e accionistas”.
No decurso da concentración as/os representantes sindicais distribuíron e deron lectura a un comunicado conxunto no que denuncian que Francisco González, presidente do BBVA, e o seu equipo directivo seguen impoñendo a marchas forzadas a “transformación” da entidade. Toda unha serie de cambios nos que se prioriza o uso de internet e do teléfono móbil e que pon en cuestión, non a necesaria adaptación ás novas tecnoloxías, senón “se temos cabida as persoas, nese banco virtual que están creando”.
Os sindicatos convocantes denunciaron tamén que desde o ano pasado, o BBVA iniciou unha política de presión e amedrentamento contra o seu cadro de persoal a medio de despedimentos “express”, sen que exista ningún aviso, nin expediente previo.
Aseguran que se “obriga aos xefes/as correspondentes a elaborar listaxes de traballadores ou traballadoras a quen, de forma totalmente subxectiva, acusan de non ter suficiente “compromiso” coa empresa”, para proceder ao seu despedimento. “Aínda que despois se recoñeza a súa improcedencia, as persoas afectadas quedan na rúa”.
“Liquidación sistemática e programada do cadro de persoal”
Denuncian ademais que o banco está executando unha “liquidación sistemática e programada do cadro de persoal”, a quen ofrece saídas da entidade “supostamente voluntarias”, pero deixando á persoa afectada practicamente sen alternativa posible, despois de exercer sobre ela o que cualifican como “unha presión inaudita”, mesmo pechándoa nun despacho cos seus/súas responsables xerárquicas e Recursos Humanos, e sen deixar entrar á representación sindical. “Despedimentos limpos: o banco consegue baixas sen lixar as mans, todo é voluntario”.
Lembran que a dirección do BBVA, cos seus salarios “supermillonarios”, de máis de 5.000.000€ nalgúns casos, decidiu que no banco non hai sitio para as empregadas/os normais, que cobran 30.000€ brutos anuais, se chegan, e que cumpren co seu traballo de maneira responsable, pero non fan as xornadas sen límite que o Banco querería, que ademais non son remuneradas.
Desfeita financeira sen asumir responsabilidades
Denuncian ademais que a dirección do BBVA non asume ningunha responsabilidade pola “desfeita financeira” que a “imprudencia e avaricia dos banqueiros” desatou en 2008. Desfeita que foi pagada “mediante o escote público, a custo do gasto social e do empobrecemento e sufrimento de moitas persoas”.
Xunto a isto denuncian que tampouco asumen responsabilidades por “fiascos” como os das “cláusulas chan” e outros. “Pero si lles esixen responsabilidades ás traballadoras ou traballadores que non cumpren uns obxectivos imposibles de cumprir e ameázanlles co seu medio de vida”.
Fronte este modelo de banco, apostan por “unha Banca responsable e orientada ao benestar social, non ao lucro persoal duns poucos”.