Denuncian acoso de Javier Fernández ao persoal de centros socioculturais que secundou a folga
O persoal de Centros Socioculturais de Santiago denuncia que concelleiro do ramo, Javier Fernández, do que levan pedindo a dimisión, desde un primeiro momento, “pola súa ineptitude, sen que este concello faga nada nin tome as medidas pertinentes”, “vén de protagonizar un escándalo, en plena actividade cultural dun dos Centros Socioculturais da Rede, no que se viu implicada a Policía Nacional”.
Segundo explican, desde a apertura dos centros, o pasado día 1 de setembro, o Concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, visita a diario os centros socioculturais onde houbo persoal en folga, “exercendo un abuso de poder e autoridade sobre o persoal de empresa, e recaendo nunha clara cesión ilegal”.
Aseguran que se achega ao persoal de empresa preguntándolle cal é a súa programación, que funcións realiza e cantos usuarios e usuarias ten. “Vixía ao persoal da empresa nun claro xesto de presión laboral, e é raro que responda cando se dirixen a el”, explican e denuncian que “irrompe nos espazos nos que se están realizando actividades, interrompe as actividades coa súa presenza e interroga ao persoal, mesmo dándolle ordes de retirada de información sobre a folga, ou requirindo o nome de quen colocou esa información no centro”.
Afirman que nunca antes, durante o seu nomeamento se ten visto esta actitude e esta vixilancia de Javier Fernández sobre os centros. Lembran, ante todo, que esta folga segue convocada de xeito indefinido, que como traballadores en folga teñen dereito a informar no seu centro de traballo sobre o conflito existente e que o concelleiro, como persoal municipal que é, non debe dirixirse ao persoal de empresa e, moito menos, para interrogalo nin darlle ordes. “A comunicación co concello deberá ser sempre a través da empresa adxudicataria, así se nos vén indicando por parte das empresas adxudicatarias e esa era tamén a escusa do Alcalde e do Concelleiro para non reunirse co comité de empresa”.
Enfrontamento público
O pasado martes, despois de que a CIG denunciase esta situación na Cadena Ser, o Concelleiro
volveu facer o seu percorrido polos CSC. Nun deles, acompañado de Rubén Prol, “enfrontouse ao persoal de empresa, con berros, diante de outros traballadores e tamén de usuarios, mentres Rubén Prol intentaba gravar todo co seu teléfono móbil”, denuncian. A persoa traballadora, nerviosa ante a agresividade de Javier Fernández, decidiu chamar á Policía Nacional quen abriu un expediente sobre o caso ao que serán aportadas máis testemuñas.
Esta actitude do concelleiro Javier Fernández é, para o comité, “inadmisible por constituír un abuso do seu poder e unha ameaza e acoso laboral explícito ao persoal que fixo folga. Nós témolo claro, se este acoso persiste, recorreremos á vía xudicial e esta folga, en vías de solución, volverá con forza”.
Diante desta situación demandan publicamente de Bugallo, unha vez máis, a destitución do Concelleiro Javier Fernández da Corporación como punto fundamental para resolver este conflito laboral.
A CIG-Servizos xa comunicou ao concello, no seu momento, este incidente sen ter resposta a día de hoxe.