Denuncian a "situación límite" do SAF de Cariño, con só tres traballadoras de 12 en activo

O persoal padece sobrecarga laboral, non se lle respectan os descansos nin os horarios e non se lle aplica a redución de xornada pactada
Cariño - 14 Xul 2026

A representación sindical do persoal laboral do Concello de Cariño denunciou hoxe a “situación límite” na que se atopa o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), con unicamente tres de 12 traballadoras en activo como consecuencia da situación de sobrecarga laboral que padecen as persoas traballadoras.

Tres das afectadas atópanse de baixa de longa duración, mentres que as outras nove sofren distintos problemas físicos e psicolóxicos derivados do clima laboral que os sindicatos levan tempo denunciando. De feito, segundo explicaron hoxe en rolda de prensa o delegado sindical, a secretaria comarcal da CIG-Administración de Ferrol, Carmem Viso, e unha representante de CCOO, a semana pasada unha traballadora do Concello abandonou o seu posto de persoal laboral fixo despois de 24 anos. 

Este clima laboral é consecuencia, entre outras cousas, da imposición de horarios por parte da Alcaldía tras as protestas do persoal para reclamar unha RPT que remate coa precariedade laboral

Este clima laboral é consecuencia, entre outras cousas, da imposición de horarios por parte da Alcaldía a raíz das protestas do persoal para reclamar unha Relación de Postos de Traballo (RPT) que remate coa precariedade laboral. Modificación de horarios que foron denunciada no Xulgado, resultando o Goberno local obrigado a restituír os horarios anteriores e condenado por vulneración de dereitos fundamentais.

Os representantes sindicais lembran que o persoal do SAF traballa en situación de especial precariedade: con contratos a tempo parcial, con xornada partida de mañá e tarde e tendo que prestar servizo os 365 días do ano (sábados, domingos e festivos incluídos) polo salario mínimo e con dispoñibilidade total.

Neste senso, censuran que nos se lles respectan os descansos, non se lles abonan as horas feitas en servizos a maiores, teñen uns horarios imprevisíbeis e carecen de axudas técnicas para desenvolver o seu traballo. Ademais, están a a ser discriminadas porque non se lles aplica a redución de xornada pactada da que si goza o resto do persoal do Concello.

Por todo isto, as centrais comezaron a presentar denuncias diante da Inspección de Traballo en 2024, “tras o que comezaron as represalias contra as traballadoras”. O Concello optou por aplicarlles cambios de horario tendo que traballar 10 días seguidos con xornadas de preto de nove horas diarias, “pero gañaron até sete denuncias para que lles respectasen os horarios e as quendas de traballo”.

Responsabilidade na xestión dos servizos públicos

Ao mesmo tempo, os sindicatos lamentan que non haxa data para seguir negociando a RPT e as problemáticas do persoal do SAF, e hoxe mesmo presentaron dúas novas reclamacións diante da autoridade laboral. “Non teñen vontade real de rematar con esta situación a pesar de que levan un ano sen contratar persoal para substituír as baixas. De feito, o que fixeron foi non dar de alta a novas persoas usuarias do servizo, até o punto de que se atopa en mínimos”.

Finalmente, sinalan que o que acontece é consecuencia dos constantes incumprimentos laborais e do maltrato ás traballadoras, “que son acusadas de non cumprir as horas, o que está a provocar un clima laboral insostíbel”. Polo que lle esixen ao Goberno local “responsabilidade política” para xestionar os servizos públicos, e non cargar sobre as traballadoras o mantemento da atención á dependencia. “A Xunta e os Concellos teñen que poñer os recursos necesarios para garantir unhas condicións laborais dignas e un servizo de calidade”.