Denuncian a privatización da escola infantil da Cidade da Xustiza de Vigo
A CIG-Autonómica denuncia a privatización por parte da Xunta da escola infantil da Cidade da Xustiza de Vigo, o que considera un novo atentado contra os servizos públicos e acusa a Administración autonómica de deixar a xestión do centro, que entrará en funcionamento en setembro, en mans dunha empresa.
Segundo explican dende a central sindical, a Axencia Galega de Servizos Sociais (AGASS), dependente da Consellaría de Política Social, vén de publicar, por procedemento de tramitación urxente, a contratación do servizo de xestión, dirección e administración da escola infantil O-3 da Cidade da Xustiza de Vigo. O centro contará con 41 prazas e acollerá as crianzas do persoal público de Xustiza e da propia Xunta, e no caso de haber vacantes tamén da cidadanía que o solicite.
“Dende a CIG sempre puxamos pola creación de escolas infantís nos edificios administrativos e demais lugares onde se concentren traballadores/as co fin de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar. Porén, tamén esiximos que estes servizos sexan de xestión pública, porque é ben sabido que o público é servizo e o privado beneficio”, sinalan.
Critican que unha vez máis o Goberno galego invista en infraestruturas públicas a conta dos impostos dos galegos/as e a continuación “ceda” a xestión a empresas privadas, “xustificando este xeito de actuar coa escusa de que non dispón de medios suficientes”. “Pois parece ser que se teñen medios suficientes para a construción, equipamento e dotación económica para pagar polo servizo, pero non para aforrar cartos contratando a persoal propio”.
Finalmente, censuran que o modelo privatizador dos servizos públicos “está na xenética do PP” e o feito de que o fagan “ás caladas, con aleivosía e nocturnidade, facendo propaganda do servizo pero sen entrar a explicar que se dá a xestión ás empresas privadas para o seu beneficio a calquera prezo”.