Denuncian a paralización das oposición aos corpos xerais da Xunta de Galiza
O sector da Autonómica da CIG-Administración vén de denunciar o lento desenvolvemento dos procesos selectivos de Corpos Xerais da Xunta de Galiza. Unha lentitude provocada polo indeterminado tempo que pode transcorrer entre a publicación da Oferta de Emprego Público e a da convocatoria e a inconcreción nas datas de realización dos exercicios e o exceso nos prazos entre cada un destes.
Os procesos máis afectados polos atrasos son:
- A2 promoción interna: segundo exame 27 de xullo e aínda sen notas; xa pasaron os prazos do terceiro (galego).
- C1 promoción interna: segundo exame 14 de xullo e notas o 7 de outubro con modificación posterior o 14 de outubro; non hai nada do terceiro exercicio (galego) e xa pasaron os prazos (mesmo a ampliación concedida por Función Pública).
- C2 promoción interna: segundo exame 22 de xullo e notas o 29 de setembro; non hai nada do terceiro exercicio (galego) e xa pasaron os prazos (mesmo a ampliación concedida por Función Pública)
- C2 libre: primeiro exercicio 15 de xullo e notas o 29 de xullo; o segundo estaba previsto desde setembro para esta primeira quincena de novembro; incumprido.
- A1 promoción interna: aínda non están publicadas as notas do segundo exame realizado o 28 de setembro e en breve incumprirán tamén o prazo para realizar o terceiro exame, previsto para a segunda quincena de novembro; o 16 de setembro ampliaron o prazo por 20 días.
O sector vén de protestar diante do director xeral da función pública pola paralización da maioría destes procesos e de demandar axilidade na súa realización. Asegura que desde función pública “botan balóns fóra” e culpan aos distintos tribunais polo atraso.
Para a CIG-Autonómica cumprir os prazos é fundamental pois non facelo “xera inseguridade xurídica nos opositores e fai que esta incapacidade da Administración galega obrigue a suplir a súa falta de planificación cos meses e anos da vida persoal e familiar das e dos opositores porque nunca saben cando van ser os exames con precisión”.
En canto ao atraso específico do segundo exercicio do C2 explican que pola información que obtiveron está relacionado coa vindeira adquisición de 450 equipos informáticos por parte do AMTEGA. “A escusa resulta novidosa pois até o de agora afirmaban que era cuestión das vacacións do tribunal”.
En todo caso consideran que “resulta incríbel a pouca planificación de convocar un proceso sen prever e ter o equipamento necesario. Por non falar de que pasou cos equipos que viñan utilizando na última convocatoria ou na proba informática do C2 de promoción interna”.
Sen cambios desde os anos 90
Entenden que a solución non pode pasar por puntuais chamadas de atención aos distintos tribunais que se exceden dos prazos, senón por definir os prazos globais máximos e dotar dos medios suficientes para cumprilos. “Nada cambiou dende que se fixeron as primeiras oposicións nos anos 90. Nunca se sabe cando se publicará a Oferta de Emprego Público, moito menos cantos anos máis tarde sairá a convocatoria de proceso selectivo e despois de convocado seguen as continuas dilacións na súa execución”, afirman.
Por iso demandan Comisións Permanentes de Selección que poderían axudar nos procesos para evitar a sensación xeral de “impunidade”; axilidade na realización dos procesos selectivos na Administración Autonómica e medios para conseguilo; o cumprimento dos prazos; a exixencia de responsabilidades e a modificación da designación dos tribunais.