Denuncian a non reposición de material avariado e a restrición a tres cueiros por día e residente en Volta do Castro
No escrito lembran ao conselleiro que se comprometeu, no Parlamento de Galiza, a efectuar a dotación necesaria para solucionar os problemas de escaseza de material e medios avariados na Residencia de Volta do Castro.
Porén, denuncian que a data de 5 de xaneiro o centro continua cunha lavadora que leva avariada máis de 6 meses, o que imposibilita o normal desempeño do traballo en lavandaría para dar servizo a un centro con 150 residentes asistidos. A isto engaden a restrición a 3 cueiros por día e residente. Por iso consideran unha “milagre” manter en condicións de limpeza e hixiene a roupa de cama e dos usuarios. “O persoal e os residentes soportan estas carencias nuns limites de laboriosidade e dilixencia, propias de épocas de escaseza terceiromundista”, afirman.
Xunto a isto denuncian que non se deu cobertura á totalidade do persoal ausente por vacacións e permisos concedidos durante o Nadal, o que obrigou a todos os departamentos da Residencia a traballar, desde o día 23 de decembro, con persoal escaso e insuficiente, mesmo por debaixo do número marcado como servizos mínimos marcados para un caso de folga. Esta situación provoca, segundo a sección sindical da CIG, a sobrecarga de traballo para o persoal que esta en quendas e a imposibilidade de realizar as atencións normais e diarias que necesita o mantemento da Residencia de Maiores e os seus 150 usuarios. “O traballo realízase en condicións de estrés laboral e atencións primarias, con acumulación de tarefas e anulación de servizos básicos”, denuncian.
Diante disto demandan do conselleiro de Política Social a adopción efectiva e urxente das medidas necesarias para dotar de persoal e medios a Residencia de Maiores.