Denuncian a lentitude da integración da resonancia magnética no servizo de Radioloxía da EOXI de Vigo
A CIG-Saúde vén de denunciar publicamente a lentitude do proceso de integración funcional da resonancia magnética no servizo de Radioloxía da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo . A central esixe a súa completa integración, así como a de todos os servizos sanitarios xestionados por Galaria (medicina nuclear, radioterapia, ciclotrón ), “máxime cando o propio xerente do Sergas ten recoñecido que os equipamentos que utiliza a empresa son propiedade do Sergas e que quen fai as probas diagnósticas é o persoal estatutario”.
Dende a federación de Saúde da CIG de Vigo explican que para que esta integración sexa posíbel a Administración sanitaria ten que recuperar a súa aposta do ano 2015, cando defendía a importancia da integración funcional e orgánica baixo a mesma estrutura que o resto dos servizos cos que mantén unha interdependencia para a perfecta atención integral das e dos doentes.
“Tamén é necesario respectar os dereitos do conxunto das e dos profesionais, tanto de Galaria como da EOXI de Vigo, pero os intereses derivados da actual estrutura organizativa e laboral de Galaria non pode antepoñerse aos intereses das e dos doentes atendidos/as na nosa área sanitaria”, sosteñen.
Na central lembran que en xuño de 2015 publicouse o Decreto 88/2015 polo que se integran as unidades de cirurxía cardíaca e cardioloxía intervencionista, que até entón formaban parte de Galaria, no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), así como o seu persoal, que pasaba a prestar servizo na EOXI de Vigo.
Indican que daquela a Administración defendía a importancia desa integración funcional e orgánica baixo a mesma estrutura que o resto dos servizos subliñando a importancia de que esta integración de recursos no novo hospital de Vigo estivese baixo a mesma organización administrativa que o resto das unidades coas que comparten asistencia.
Dúas estruturas para o mesmo servizo
“O compromiso da Administración, naquel intre, era que en base á propia normativa de área de xestión integrada todos os recursos asistencias da Área de Vigo se integrarían baixo a dirección desta EOXI”. Pero en maio de 2016 a Administración sanitaria xa mudara de opinión e decidiu que a integración da resonancia magnética -en mans de Galaria-, na EOXI de Vigo fora só funcional.
A CIG-Saúde xa manifestara o seu desacordo con esta medida e solicitara da Consellería de Sanidade que realizara o mesmo procedemento de integración para todos os servizos asistencias que dependen de Galaria na EOXI de Vigo (o procedemento regulado no decreto 88/2015 do 25 de xuño). Dende a central pregúntanse que sentido ten manter nunha área sanitaria dúas estruturas directivas para xestionar o mesmo servizo.
O aceso á realización de resonancias magnéticas é unha reivindicación histórica das e dos profesionais do servizo de radioloxía do Chuvi, que durante 22 anos reclamaron poder facer uso da tecnoloxía diagnóstica precisa para poder facer o seu traballo dun xeito integral, e iso so era posible cunha organización do servizo diferente, non centrado nas máquinas senón nos problemas das e dos pacientes.
Unha reclamación do persoal
Hoxe mesmo as e os profesionais do servizo de radioloxía da EOXI de Vigo veñen de pública unha nota onde poñen en valor a importancia da integración e das melloras que produce para conseguir <<unha redución no tempo do proceso diagnóstico e un mellor manexo da patoloxía dos nosos pacientes>>.
“Pero sabemos que o plan de integración funcional acordado no ano 2016 está a ter moitas dificultades para levarse adiante, pese á importante implicación das e dos profesionais do servizo de radioloxía e do esforzo realizado pola Xerencia da EOXI de Vigo”, indican dende a CIG.
Ademais, sosteñen que co paso do tempo teñen constatado que nin sequera esta limitada integración funcional está a ser realizada. A propia nota das e dos profesionais remata: <<Desexamos que estes primeiros pasos conduzan a unha integración real e completa dos profesionais de Galaria, feito que ata agora non sucedeu, porque os profesionais de Galaria non se integraron no Servizo de Radiodiagnóstico da EOXI de Vigo. Estamos convencidos/as de que o traballo en equipo, co paciente como obxectivo, e non coa técnica como obxectivo, resultará motivador e satisfactorio para os profesionais de ambas partes, porque o único interese que nos move a todos é o interese do paciente>>.