Denuncian a hipocrisía de Feixó por demandar libros gratuítos no Estado cando os eliminou en Galiza
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concentrábase esta mañá diante da consellaría de Educación e nos centros de ensino para denunciar o caos deste comezo de curso escolar; a falla de profesorado; o cese de centos de docentes interinos/as; o incremento das ratios, o peche de unidades e aulas e, entre outras cuestións, o abandono das familias diante da galopante inflación. Un aspecto este, respecto do que denunciaron a hipocrisía de Feixó, que agora pide no Estado a gratuidade de libros de texto que eliminou en Galiza en canto chegou ao goberno da Xunta.
A iso se referiu o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, quen tamén denunciou a hipocrisía de Rueda ou do conselleiro de Educación por afirmar que vai a haber máis docentes que antes da pandemia, até 31.000. Unha cifra que puxo en cuestión e que non se poderá confirmar até o mes de abril porque até entón non se publicarán os datos oficiais.
Nese sentido Bermello sinalou que “hai un documento oficial onde figuran os datos e cifras do ensino público non universitario, que non estará publicado até dentro de varios meses”. Mais do último publicado asegurou que se poden tirar datos como que desde que Feixó chegou ao poder baixou máis dun 10% o número de mestras e mestres de Infantil e Primaria, “un dato que non damos nós, senón a propia consellaría”, matizou.
Nese mesmo período de tempo, o profesorado do ensino privado, con e sen concerto, “tampouco se dan os datos desagregados”, especificou, aumentou un 6%. Por iso denunciou que “ese é o produto das políticas do Partido Popular na Xunta de Galiza”.
Perda de profesorado
Bermello afirmou ademais que o ano pasado, respecto do anterior, perdéronse máis de 850 postos de traballo no ensino público e que, tamén nese período, nos destinos provisionais, que son ocupados por interinas/os, baixaron en algo máis de 500. É dicir, a redución foi inferior nos destinos provisionais que no conxunto. Porén denunciou que “este ano a redución de postos de traballo de interinas/os é de 717 con respecto ao curso anterior”.
Por iso para o secretario nacional da CIG-Ensino “é un feito incontestábel que neste comezo de curso hai menos docentes dos que había o ano pasado, que xa foi un ano de enormes recortes no ensino público”.
Fronte a isto, Bermello entende que coincidindo coa redución de matrícula “un goberno serio debería preocuparse por facer unha defensa do ensino público, mantendo e incrementando, alí onde se poida o profesorado, baixando as ratios todo o posíbel”. Unha cuestión imprescindíbel, como se demostrou na pandemia, cando se permitiron desdobres que reduciron o número de alumnos e alumnas por aula.

Isto evidenciou, segundo Bermello, “o que tantas veces desde as ANPAS e desde os sindicatos temos comentado, que só mediante a redución das ratios e a mellora das condicións laborais do profesorado se poderá facer fronte realmente ás necesidades que ten un sistema que, de por si, está moi tocado, nomeadamente con aquel alumnado que ten necesidades específicas de apoio necesita eses reforzos”. Cuestión coa que tamén coincidiu Fernando Lacaci, representantes de ANPAS Galegas.
Nese sentido o secretario nacional de CIG-Ensino denunciou que onde se están dando máis recortes é no profesorado de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, orientadores e orientadoras nos centros.
Escasos recursos para os centros
O secretario nacional de CIG-Ensino lembrou que co incremento do IPC pola carestía dos alimentos, a consellaría de Educación, só no último trimeste e non con efectos retroactivos, subiu 4 céntimos por comensal o diñeiro que remite aos centros para os comedores escolares. Porén, sinalou, “comeza o curso e non hai ningunha previsión de que a consellaría de Educación vaia incrementar os cartos destinados aos centros educativos para comedores escolares”. Por iso considerou que, “igual que as familias nos vemos en apuros diante da carestía dos produtos básicos, esa mesma situación se produce para quen ten que xestionar un comedor escolar”.
No mesmo sentido apuntou o incremento dos gastos en luz e gasóleo e augurou problemas nos centros cando haxa que poñer a funcionar as caldeiras de calefacción de gasóleo porque “a consellaría tampouco fixo absolutamente nada para incrementar eses fondos”.
Bermello concluíu resumindo o escenario real do comezo deste curso escolar “ratios máis elevadas, unha crise social galopante que non leva a consellaría a mudar e rectificar e facer os libros de texto gratuítos e direccións dos centros que se van enfrontar a un inicio de curso sen que haxa ningún tipo de incremento para os gastos de comedores escolares e calefaccións”.