Denuncian á Fundación Urxencias Sanitarias de Galiza, 061, por vulneración do dereito de folga
O comité de folga do 061 vén de presentar unha denuncia perante a Inspección de Traballo contra a Fundación Urxencias Sanitarias de Galiza, 061, por vulneración do dereito de folga e liberdade sindical, por decretar uns servizos mínimos “desproporcionados” do 100%. Demanda por iso que se levante a correspondente acta de infracción en materia de vulneración dos dereitos fundamentais dos traballadores/as, con imposición da sanción que corresponda e, notificación das actuacións levadas a cabo. O persoal ten prevista a próxima mobilización para o vindeiro mércores, día 19 de setembro, ás 12:30 horas diante da consellaría de Sanidade.
A Xunta de Persoal de Santiago de Compostela da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ten convocada, desde o pasado día 1 de agosto, unha folga indefinida que afecta ao persoal estatutario que presta os seus servizos nos actuais centros de traballo de Conxo e San Marcos. A folga desenvólvese das 12.00 ás 14.00 horas e das 19.00 ás 21.00 horas todos os mércores, domingos e festivos.
Servizos mínimos
Ante esta convocatoria, a Consellería de Sanidade publicou no D.O.G do 31 de xullo de 2018 a ORDE do 27 de xullo de 2018 pola que se determinan os servizos mínimos e que establece que a designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos "deberá recaer no persoal de xeito rotatorio".
Porén, a dirección do 061 vén designando, dentro do grupo dos efectivos non sanitarios, de forma reiterada, ás mesmas persoas como servizos mínimos, sendo solo substituídos os "titulares" no caso de que gocen de vacacións ou permisos retribuídos o día de folga.
Segundo explica o presidente da Xunta de Persoal e do comité de folga, Mario Otero, esta orde non establece como servizo mínimo ao enfermeiro de consulta localizado. Porén, o domingo 5 de agosto de 2018 si se activou a un traballador que figura na carteleira de quendas como localizado, para cubrir a quenda de 09:00 a 21:00. “O traballador consultou coa dirección para facer efectivo o seu dereito a folga de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 21:00 e recibiu unha resposta negativa por parte da dirección”.
Xunto a isto, Otero lembra tamén que existe xurisprudencia da Sala do contencioso do Tribunal Supremo, que establece que é desproporcionado fixar uns servizos mínimos do 100%, mesmo tratándose dun servizo de urxencias; que considera que a existencia dun servizo mínimo esencial non constitúe por si soa unha razón suficiente para o establecemento dos servizos mínimos do 100%; que establece que non cabe fixar os servizos mínimos nun 100%, mesmo no ámbito das urxencias, pois iso equivale cercenar o exercicio do dereito de folga e que confirma que acadar o nivel de rendemento habitual equivale a impedir o dereito de folga.
O presidente do comité de folga denuncia ademais que, a todo isto engádese a cancelación das reunións ordinarias entre dirección e xunta de persoal como represalia pola convocatoria de folga, cuestión que tamén foi denunciada perante ea Inspección de Traballo o pasado día 30 de agosto.