Denuncian que falta persoal de cociña nos comedores escolares ourensáns
O comité de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Ourense vén de denunciar a falta de persoal de cociña nos comedores escolares dos centros educativos da provincia. A representación dos traballadores/as tenlle solicitado en numerosas ocasións á Xefatura Territorial do departamento autonómico a necesidade de cubrir os postos de axudante de cociña nos centros ourensáns.
As reiteradas peticións do comité producíronse despois de que os representantes sindicais recabasen os datos do número de comensais por comedor escolar e da cantidade de traballadores/as necesarios/as para o seu correcto funcionamento.
Segundo estes datos, hai casos nos que se supera en case 30 comensais o establecido na normativa autonómica vixente sobre comedores escolares. É o caso, por exemplo, do CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia, do CEIP Curros Enríquez de Celanova ou do CEIP Filomena Dato (Barbadás). O mesmo sucede no CPI Terras de Maside, no CEIP Ben Cho Shey (O Pereiro de Aguiar) ou no CPI Tomás de Lemos (Ribadavia).
“Non podemos nin entender nin permitir que se incumpra a normativa vixente nin que se pretenda aforrar cartos nun servizo público tan necesario dende o punto de vista social e tan importante para a adquisición de hábitos alimenticios saudábeis para as crianzas que acoden diariamente aos comedores escolares dos centros públicos da provincia”, sosteñen.
Finalmente, poñen de manifesto as consecuencias negativas que se derivan da falta de persoal suficiente para a correcta prestación deste servizo público, “sobre todo se temos en conta o feito de que cada vez hai máis alumnado con problemas de alerxias ou intolerancias alimentarias”.