Denuncian a falta de persoal, a mala organización e as deficiencias no edificio da residencia de maiores de Caranza
A CIG-Administración Pública fai denuncia pública do estado de abandono no que se atopa a residencia de maiores de Caranza -a única xunto coa de Ortigueira de xestión pública na comarca- tanto no relativo ás deficiencias que presenta o edificio como ás condicións precarias nas que o persoal ten que prestar a atención ás persoas usuarias. Critica a escaseza de recursos, a mala organización e "unha xestión que prioriza máis as actividades que as necesidades esenciais e que repercute no servizos prestados ás persoas usuarias".
A secretaria comarcal da federación, Carmem Viso, explica que o centro leva sen médica, por baixa laboral, dende o mes de xuño "e non se é capaz de atopar unha profesional para a súa substitución". De forma provisional acode a médica doutra residencia dúas tardes á semana dende hai dous meses. "Pero esta non é solución porque hai residentes con coidados paliativos, con patoloxías crónicas agudizadas que precisan dunha atención diaria; polo que é preciso unha solución permanente e axeitada ás necesidades médicas das persoas usuarias da residencia de maiores de Caranza".
O persoal está sobrepasado fisica e psiquicamente por unhas condicións laborais que cada día se deterioran máis e máis"
Reitera que o persoal está sobrepasado "fisica e psiquicamente por unhas condicións laborais que cada día se deterioran máis e máis", pois o número de traballadoras e traballadores é escaso, con ratios irreais, e con modificacións constantes dos seus permisos e vacacións "porque non hai persoal para substitucións ou non se contrata, e porque se asinan acordos que despois se aplican de forma unilateral e non se reúnen as comisións de seguimento".
Neste punto, a representante da CIG pon a atención no feito de que hai categorías nas que non existe persoal para contratar como consecuencia as condicións laborais que se ofrecen: "salarios , modificación de quendas, etc. que fan que o persoal sociosanitario se decante por ir traballar ao Sergas ou ás empresas privadas que lles ofrecen contratos indefinidos".
Sinala á responsabilidade da Consellaría de Política Social e da dirección do centro, nun caso por non pór remedio á falta de persoal, xustificando as escasas ratios e desviando obrigacións; e no outro, "por non reclamarlle aos xestores do público e por facer recaer no persoal a carga de prestar un servizo de coidados e atencións ás persoas cando non hai recursos e falla toda a cadea de organización".
Instalacións anticuadas
Pero os problemas non se limitan ao ámbito laboral, senón que as propias instalacións están anticuadas e necesitadas de reformas, con estancias que se inundan en canto comeza a chover. Mentres, a tan anunciada nova residencia no recinto de Caranza continúa sen materializarse: "seguimos con parches e obras de remodelación que non dotan a comarca dun edificio coa calidade arquitectónica e funcional acorde á dignidade e ás necesidades das persoas maiores".
Seguimos con parches e obras de remodelación á espera da tan anunciada nova residencia"
Unha situación que contrasta coas obras da futura residencia de maiores do Bertón, a piques de rematar, e que afianza o modelo de doazón do edificio á administración, para que despois a Xunta de Galiza pase a xestión e os beneficios a mans privadas, "abandonando a xestión publica directa que tanto gabou e funcionou durante a pandemia".
A CIG-Administración reitera a oposición frontal a que este centro sexa de xestión privada e que os servizos públicos se convertan en fonte de negocio empresarial. E neste sentido Viso lembra que durante a pandemia demostrouse a ineficacia deste modelo mercantilista cando a Xunta tivo que enviar o persoal empregado público a atender as residencias privadas.
Por todo isto, a CIG Administración Pública da comarca de Ferrol seguirá a loitar na defensa dos servizos públicos e a mellora e o respecto das condicións laborais do persoal empregado público.