Denuncian a desidia do Sergas ante unha praga de morcegos no centro de saúde de Verín

A CIG-Saúde de Ourense reclama que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade de persoas traballadoras e usuarias
Verín - 17 Set 2026

A CIG-Saúde de Ourense denunciou hoxe publicamente a desidia do Sergas diante da praga de morcegos detectada no interior do centro de saúde de Verín, polo que reclama a adopción urxente das medidas necesarias para garantir a seguridade das persoas traballadoras e usuarias.

Dende a central sindical explican que o primeiro exemplar, que apareceu morto dentro das dependencias do centro, detectouse o pasado mes de xullo, “pero ninguén se preocupou porque pensamos que puidera ter entrado por unha fiestra”, tal e como sinala Eva Fernández, da CIG-Saúde de Ourense. Pero xa o 1 de setembro un facultativo veu un voando no interior da súa consulta, e atopou outro na bata que tiña colgada.

Polo que dende o centro contactaron co servizo de Prevención de Riscos Laborais e co director de Atención Primaria da área sanitaria de Ourense para comunicarlles o que estaba a acontecer. “Malia isto, ninguén fixo nada; e tres días despois apareceu outro morcego morto nun baño do primeiro andar, polo que volven poñerse en contacto coa dirección de Recursos Económicos, pero continuouse sen facer nada ao respecto”.

Diante disto, a tras recoller a preocupación e as queixas do persoa, a CIG-Saúde de Ourense remítelle un correo a Prevención de Riscos o pasado 10 de setembro. “Dende ese día volveron detectarse dous novos morcegos mortos, nesta ocasión nunha consulta do segundo andar”. A raíz desta comunicación da central sindical, persoal técnico de Medio Ambiente desprázase o pasado venres até o centro e tras inspeccionalo din que van elaborar un informe urxente. “Pensamos que se ía aproveitar que a fin de semana non hai pacientes para tomar medidas, pero para a nosa sorpresa non se fixo”, lamentan dende a CIG-Saúde de Ourense.

Sen protocolo de limpeza

Polo que esta mesma semana representantes da central sindical volveron falar con Prevención de Riscos, xa que nada máis abrirse o centro o luns pola mañá atopáronse dous exemplares máis voando dentro das instalacións. “Contactamos seguido coa Administración, pero pásanse a responsabilidade dun lado a outro: o director de Atención Primaria di que hai que agardar polo informe de Medio Ambiente, mentres que Medio Ambiente sostén que o informe non é vinculante e que é o Sergas quen ten que actuar”.

Para a CIG-Saúde trátase dunha situación “vergoñenta” e “intolerable” que nos últimos días tense agravado pola presenza de feces destes animais por moitas das dependencias do centro, incrementando o risco sobre a saúde de persoas traballadoras e usuarias, polo que demanda a adopción de medidas de protección urxentes e para rematar coa presenza dos morcegos. “Por non haber non hai nin protocolo de limpeza específico para estes casos, e o persoal de limpeza ten que facer o que pode”, rematan.