Denuncian a deriva do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e a inacción de Medio Rural

O persoal de campo, ante o abandono absoluto das xefaturas, vai no seu tempo libre atender o gando para garantir a súa supervivencia
Nacional - 07 Mar 2025

A CIG-Administración Autonómica leva máis dun ano reclamando con escritos ao director do CIAM a cobertura das vacantes e a substitucións das baixas xa que non se cobren nin as de paternidade, nin moito menos de enfermidade, como tampouco se cubriron as vacantes que quedaron por xubilacións e incapacidades permanentes. Denuncian ademais que malia estes escritos, “xamais recibimos resposta”.

Sinalan que en decembro a situación era tan límite que, para saír do paso, fixeron vir a través dunha contrata unha persoa catro horas polas tardes “sen formación, sen equipos de prevención e que ás veces non veu, sen previo aviso”. Unha situación que, segundo explican, provocou que o persoal dobrara quenda por iniciativa propia “para que as vacas e as ovellas non quedaran abandonadas”. Noutras palabras, “o persoal de campo, ante o abandono absoluto das xefaturas, vai no seu tempo libre atender o gando para garantir a súa supervivencia”, afirman. 

Aseguran que a falta de persoal de campo é xeneralizada no AGACAL. “A CIG leva tempo denunciando a folla de ruta, que consiste en precarizar os postos base para que o persoal marche, privatizar estes postos e empregar os cartos liberados para a creación de postos de libre designación”.

Funcionarización

Xunto a isto denuncian que agora, coa funcionarización, atópanse con que as prazas que ofreceron en comisión de servizos por necesidades urxentes de cobertura recibiron cero solicitudes. “Lembramos que as prazas de campo de AGACAL están integradas coas de medio ambiente no C1, C2 e AP de Recursos Naturais, pero en Medio Amabiente cobran, de media, entre 190 e 270 € máis ao mes”, subliñan e pregúntanse, por iso, “quen vai querer vir nestas condicións?”

A isto engaden que tampouco se están facendo os chamamentos precisos polo decreto de listas a apuntan como consecuencias inmediatas:

  • Sobrecarga laboral: A CIG demandou no Comité de Saúde e Seguridade Laboral de medio rural do 18 de xullo de 2024 a sobrecarga laboral por falta de persoal. Comprometéronse a reclamar a Función pública a xestión directa das listas de contratación para garantir a cobertura urxente das prazas de atención directa ao gando. Non o cumpriron nin convocaron nunca máis o CSSL, vulnerando a normativa de prevención de riscos laborais que establece un mínimo dunha reunión cada trimestre.
  • Incumprimento da normativa de benestar animal: a pesares dos esforzos mencionados do persoal de campo por garantir a alimentación e muxido diario do gando para a súa supervivencia, cos medios actuais non é posible facer un mantemento e limpeza das instalacións axeitado. Isto provoca un malestar directo para o gando e indirecto tanto para o gando como para o persoal (esvaramentos, proliferación de bacterias resistentes como Staphylococcus aureus, trueperella pyogenes, ...). O gando tampouco recibe os cuidados idóneos cando precisan unha atención extra, por falta de persoal para adicarlles o tempo preciso para a súa situación ou patoloxía.

Benestar animal

Das 5 liberdades básicas formuladas pola OIE (Organización Mundial de Sanidade Animal) no 1965 en materia de benestar dos animais terrestres só se está cumprindo a primeira:

1- libre de fame, de sede e de desnutrición;

2- libre de temor e de angustia;

3- libre de molestias físicas e térmicas;

4- libre de dolor, de lesión e de enfermidade;

5- libre de manifestar un comportamento natural.

A CIG tamén denunciou, xa na primavera de 2024, ante o Secretario Xeral Técnico da Consellería de Medio Rural, os incumprimentos na normativa de animais de investigación ao deixaren caducar as capacitacións oficiais e necesarias para traballar con este tipo de animais a todo o persoal de campo e á meirande parte do persoal técnico e investigador.
Situación diante da que lembran que as competencias sobre estas acreditacións, a nivel galego, recaen na área de formación, innovación e investigación agraria da AGACAL.

Con todo, celebran que AGACAL cumprira coa obriga e o compromiso adquirido de formar ao persoal e que o fixera este mes de febreiro, aínda que considere que “chega tarde”. Entenden que o centro público perdeu oportunidades de investigación neste tempo e engaden que “a persoa que ten agora o cargo de especialista en materia de benestar animal no CIAM foi contratada a TRAGSATEC, no lugar do persoal veterinario investigador do propio centro”.

Advirten que a consecuencia disto é a perda de capacidade investigadora. “O persoal investigador leva tempo reclamando que non ten persoal suficiente para levar a cabo moitas das súas Investigacións”.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.