Rexeitan a condena “inxusta” a unha traballadora de Vitrasa acusada da queima dun autobús

A CIG, UGT e CCOO consideran “desproporcionada” a sentenza que establece 15 anos de prisión para a afectada
Vigo - 13 Out 2025

As centrais maioritarias da comarca de Vigo, a CIG, UGT e CCOO, consideran “inxusta a desproporcionada” a condena a 15 anos de prisión a unha traballadora de Vitrasa acusada da queima dun autobús no marco do conflito laboral para reclamar un convenio colectivo digno na concesionaria do transporte urbano municipal.

Os secretarios comarcais dos tres sindicatos compareceron en rolda de prensa este venres para amosar o seu rexeitamento conxunto a unha decisión xudicial “que se basea única e exclusivamente en que a traballadora, que tamén ostentaba o cargo de delegada do comité de empresa, era a parella do suposto autor dos feitos”.

Dende a CIG, UGT e CCOO lembran que a propia traballadora sostén a súa inocencia, “e nós crémola”. E fan fincapé na ausencia de probas que motiven este fallo xudicial que foi recorrido pola afectada diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).

Para os responsábeis sindicais, a condena ten un claro carácter “exemplarizante e disciplinador, porque non só se castiga a unha persoa, senón que tamén se lle envía unha mensaxe ao conxunto da clase traballadora: se te rebelas, págala. Algo que fai parte dunha estratexia deliberada de criminalización da loita sindical”.

Bens materiais por riba das persoas

Neste senso, censuran que a sentenza antepón a protección dos bens materiais por riba das persoas. E pregúntanse se existe algunha sentenza equivalente contra algún empresario pola morte de persoas traballadoras en accidentes laborais que podían evitarse ou polos danos físicos e mentais provocados polas cargas de traballo abusivas e os ritmos de produción insoportábeis.

“Despidos masivos, baixas fraudulentas, retencións salariais, contratos precarios, etc., cuestións que arruínan vidas e que non se castigan coa mesma contundencia. Seguimos a padecer a xustiza do funil: a parte ancha ao servizo dos de sempre e as estreiteces máis duras para os de abaixo”, remataron.