Denuncian a actuación antidemocrática do inspector de Educación no nomeamento accidental do/a director/a do CEIP de Paradai
Por mor da vacante producida pola dimisión do director do CEIP Paradai, o pasado día 31 de maio, o inspector de educación convocou unha reunión do profesorado do centro na que pedía voluntarios/as para o dito cargo, presentándose para o mesmo tres profesoras. A continuación, explican dende a CIG-Ensino, “dítalle ao profesorado o seu teléfono e correo electrónico para que mediante estes medios lle comuniquen o seu parecer ou calquera comentario que queiran facer acerca destas tres profesoras, negándose a comentar nada nese momento e a realizar unha votación secreta, tal e como lle propuxeron algúns dos profesores e profesoras presentes”.
Acto seguido, o inspector Miguel Callón Fernández cita as candidatas para que, por separado, acudan ao seu despacho. Nese proceso, engade a CIG-Ensino, rexeita a unha das candidatas “porque non lle gusta o profesorado que esta propón para constituír o equipo directivo”.
O día 10 de xuño, o inspector chama á actual xefa de estudos para que, ás 14:00 horas, reúna o profesorado (mais só o que no próximo curso continúe no centro) e para que teña preparada una urna, sen darlle ningún tipo de explicacións ao respecto.
Segundo apuntan dende a Federación do Ensino, chegado ese día, entrégalles as papeletas cos nomes de dúas das profesoras candidatas, para que elixan unha delas, “advertíndolles que a dita votación non era vinculante”.
“O profesorado, perplexo, vota e, ao rematar, o inspector de Educación recolle as papeletas e gárdaas na súa carteira, dicíndolles que xa lles comunicaría por correo electrónico o resultado. Ante as protestas do profesorado por esta insólita actitude e a petición de que se abrisen as papeletas na súa presenza, o señor Miguel Callón diríxese a eles para preguntarlles se non se fiaban del. Como a resposta foi que non, viuse obrigado a abrir as papeletas, que, agás unha, estaban todas en branco”, subliñan.
Ante esta “insólita e ditatorial” actuación, a CIG-Ensino quere manifestar o seguinte:
O procedemento para nomear as direccións dos centros, con carácter accidental, vén estabelecido no Decreto 29/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a selección, nomeamento e cesamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
No seu apartado 2 do artigo 17º Nomeamento accidental da dirección recolle o seguinte: “Nos supostos de que se produza o cesamento da dirección durante o curso escolar o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, oído o claustro de profesores e o consello escolar, realizará nomeamento accidental da dirección, ata o 30 de xuño do ano que proceda, incluíndose a vacante no próximo concurso de méritos que se convoque”.
“É obvio que a actuación do dito inspector non se axustou en absoluto, nin no fondo nin na forma, ao procedemento estabelecido na normativa vixente, que marca claramente os criterios a seguir, xa que todo indica que os primeiros pasos dados ían encamiñados a nomear “a dedo” a unha concelleira do Partido Popular nun concello próximo a Lugo capital, en comisión de servizos por tal motivo no centro neste curso”, denuncia a CIG-Ensino.
Para a Federación estamos ante uns feitos e actuacións “nepotistas, insólitas e irregulares que máis ben pertencen a épocas pretéritas e absolutamente impropias dunha persoa que desempeña o cargo e a responsabilidade de inspector de Educación”.
En consecuencia, A CIG-Ensino, ante a gravidade dos feitos acontecidos como consecuencia da actuación do inspector, exíxelle á Xefatura Territorial de Lugo que actúe con urxencia para que se realice a elección da dirección, tal e como está regulado, convocando un claustro para coñecer a opinión do profesorado e que se teña en conta a súa consideración para o nomeamento do director ou directora accidental. Ao mesmo tempo, a CIG-Ensino demanda “que se lle abra un expediente ao inspector pola súa actuación inaceptábel e antidemocrática”.