Denuncia na Fiscalía para que investigue as irregularidades no transporte sanitario non urxente
UVIs móbiles sen persoal asignado, vehículos sanitarios parados nunha nave ou servizos privados realizados con ambulancias destinadas ao servizo dos hospitais públicos son algunhas das irregularidades que esta mañá a CIG puxo en coñecemento da Fiscalía para que abra investigación sobre o que está a acontecer no concerto do transporte sanitario non urxente da EOXI da Coruña (que integra a área sanitaria da Coruña e a de Cee).
"Como moito, ciframos que se está a cumprir o 60% das condicións marcadas no concerto", subliñaba Ernesto López Rei, do sector de transportes da FGAMT-CIG ás portas do vello edificio da Audiencia Provincial. Para engadir a continuación que todas as irregularidades detectadas foron postas en coñecemento da Estrutura de Organización de Xestión Integrada (EOXI) da Coruña, "que non fixo absolutamente nada para corrixir as deficiencias".
Por iso, asegurou López Rei, "entendemos que estamos ante un posíbel caso de malversación de fondos (porque alguén se está quedando con parte dos recursos públicos que non se empregan para o que o concerto di) ou de prevaricación (porque a persoa responsábel de controlar que se cumpran os pregos non o fai)". Ambos casos, matizou, "suporían un delito contra a administración pública que debe ser investigado e castigado. De aí que lle pidamos á Fiscalía que faga as investigacións oportunas e determine se os feitos denunciados poden ser constitutivos de infracción penal e, nese caso, que emprenda as accións legais oportunas".
Multitude de incumprimentos no servizo
En relación ás irregularidades detectadas, o López Rei explicou que o concerto do transporte non urxente para as áreas da Coruña e Cee (adxudicado á UTE Servizos Sanitarios da Coruña e Ambuibérica) estabelece que ten que haber catro unidades de soporte vital avanzado (UVIs móbiles. "Os vehículos existen, pero non teñen persoal asignado-nin condutor/a nin ATS- polo que están paradas. Non sabemos se cando se require unha destas ambulancia directamente non sae ou se o servizo se fai con persoal do Sergas. Pero entón a empresa estaría tirando un beneficio ilícito xa que a EOXI paga porque a dotación material e a humana a poña a UTE".
Xunto a isto, hai cinco vehículos que a UTE ten estacionadas dende o primeiro día nunha nave, mais que nunca prestaron servizo. "É dicir, a empresa está a percibir unha cantidade económica por 47 ambulancias pero unicamente pon a disposición do Sergas 42", revelou.
Por se non fora abondo, a empresa está a realizar servizos privados (por exemplo para as compañías aseguradoras) que se facturan por separado, con vehículos e persoal asignados ao contrato público, "co cal nos atopamos con que con un recurso públicos se está obtendo un beneficio privado".
O representante sindical apuntou tamén que estas irregularidades supoñen un prexuízo para as e os doentes, por canto ao estar funcionando con menos recursos dos marcados, "hai persoas que reciben altas hospitalarias, pero teñen que agardar até o día seguinte porque non hai ambulancias para trasladalas".
Plan de formación que non se executa
Na rolda de prensa púxose de relevo que a empresa adxudicataria tampouco está a aplicar o plan de formación que estabelecía o prego de condicións (que puntuaba altamente no concurso) e que supuxo que moitas empresas pequenas quedaran fóra dado o ambicioso proxecto que se solicitaba. "Todo nos leva a concluír que a obriga de presentar o plan de formación estaba nos pregos para puntuar, é dicir, para favorecer a quen pode poñelo nun documento pero, a día de hoxe, nin a empresa ten pensado desenvolvelo nin a EOXI parece que teña intención de obrigar a adxudicataria a que se execute".