Democracia, ditadura e golpes de estado

Sergio Rodríguez Gelfenstein - 24 Xan 2023

No máximo da desvergoña, agora Estados Unidos engadiu ao seu arsenal teórico un novo concepto para o engano: os golpes de estado teñen validez só cando son promovidos, organizados e financiados por Washington

 Os que acreditan no conto da democracia representativa e o “mundo libre” terían tempo de recapacitar tras os últimos sucesos en Perú e Brasil, que mostraron en todo o seu esplendor a falsidade de tales conceptos.

 Finalmente, séguese impondo a forza como instrumento dos poderosos para facer valer os criterios que lle permiten dominar o mundo.

 Durante moitos anos –en ton de retranca- facíase a pregunta de por que en Estados Unidos non había golpes de estado. A invariábel resposta era: “...o que pasa é que en Washington non hai embaixada de Estados Unidos”. Esta historia xa non poderá seguir sendo contada. En xaneiro de 2021, no maior centro imperial do mundo, tamén houbo un intento de golpe de estado.

 Agora, a historia repetiuse en Brasil con abraiantes semellanzas, mesmo case coincide no día e a data, talvez a única diferenza é que en Estados Unidos Trump non entregara a administración e, no caso máis recente, Bolsonaro xa era parte da historia.

 Nos últimos anos estivo causando gran desacougo o rexurdimento de posicións e organizacións de ultradereita fascista que finalmente é a dereita pura e dura. Ese afán dalgúns de se distanciar de certas posicións cando a conxuntura o pide, fixo xurdir o centrodereita, a dereita, a ultradereita, a extrema dereita e en Israel até a “dereita ortodoxa”. Da mesma maneira, tamén emerxeu a esquerda democrática, o centroesquerda, a esquerda radical, a ultraesquerda, a socialdemocracia e outras denominacións que só serven para agochar as verdadeiras posicións e enganar os electores.

 En realidade, a liña divisoria pasa por facer política a favor do pobo ou na súa contra. E para iso, tal como estipula a Constitución Política de Venezuela, a democracia tamén debe ser participativa e a mellor maneira de facer efectiva a participación é darlle ao pobo as armas para a súa defensa. Non hai mellor expresión da democracia que un pobo fortemente imbricado coas súas forzas armadas para garantir a soberanía nacional.

 No máximo da desvergoña, agora Estados Unidos engadiu ao seu arsenal teórico un novo concepto para o engano: os golpes de estado teñen validez só cando son promovidos, organizados e financiados por Washington. A este respecto e en relación co intento fascista de Brasil, o secretario de Estado Anthony Blinken soltou esta marabilla: “Usar a violencia para atacar as institucións democráticas é sempre inaceptábel”. Será que se lle esqueceu Chile 1973, Bolivia 1979, Perú 1991, Venezuela 2002, Haití 2004, Honduras 2009, Ecuador 2010, Paraguai 2012, Nicaragua 2018, Bolivia 2019 e Perú 2022 por mencionar algúns onde a man de Estados Unidos estivo presente para “atacar as institucións democráticas a través da violencia”.

 Por non mencionar as “revolucións de cores”, eufemismo para se referir a golpes de estado que no caso de Ucraína en 2014 iniciou unha guerra de exterminio do pobo ruso e doutras minorías que habitan ese país. Neste caso, a propia subsecretaria de Estado Vitoria Nuland estivo no terreo organizando con total desenvoltura a violencia necesaria que levou ao derrocamento do goberno.

 Só se asustan cando os procesos se lles van da man e sectores fascistas teñen motor propio para actuar á marxe das institucións do poder, “desordenando” o control que estabeleceron para sustentar a explotación e o dominio. A mostra é que o pinochetismo en Chile agora se chama UDI, os seguidores de Videla e Massera denomínanse PRO en Arxentina e os fujimoristas, Fuerza Popular en Perú e os banzeristas Comité Cívico de Santa Cruz. Son os mesmos fascistas disfrazados, que mesmo pretenden dar clases de democracia amparados nun sistema que llo permite porque, ao final, serve aos intereses da mesma clase.

 Finalmente hai que lembrar que tanto Hitler como Mussolini, do mesmo xeito que Trump e Bolsonaro chegaron ao poder por vía electoral. Tampouco hai que esquecer que así como Trump tivo o seu 6 de xaneiro e Bolsonaro o seu 8 de xaneiro, Hitler un 27 de febreiro de 1933 ordenou incendiar o Reichstag (parlamento alemán) para lles botar a culpa aos comunistas, acusando sen probas a un mozo obreiro holandés de 24 anos polo cal foi sentenciado a morte uns meses despois. O feito permitiulle a Hitler xustificar o estabelecemento do Terceiro Reich, todo de forma “legal”. Hoxe nin sequera iso puideron argallar en Ucraína. Por iso o golpe de estado de 2014.

 Os tempos mudaron mais a roupaxe é a mesma porque as intencións non varían e mentres a esquerda non entenda que a súa principal alianza é co pobo, non cos empresarios ou a dereita, esta seguirá axexando, gobernando soa como en Estados Unidos, en alianza cos “liberais” cando lles conveña como o caso de Chile, Alemaña ou o Estado español e, cando nada diso funciona, o expediente do golpe de estado sempre estará aberto, iso si, debe contar coa venia de Washington.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 13 de xaneiro de 2023]