Demandan que se dote o CGAI do cadro de persoal necesario para o desenvolvemento pleno das súas funcións
Segundo informa a CIG-Autonómica, nesa Mesa de negociación, á que asistiron representantes da Xunta, do AGADIC e dos Sindicatos, a Xunta negou o seu propio titular que aparecía na prensa o pasado día 19 de maio, cando afirmaba de xeito rotundo que só se amortizarían postos de traballo non cubertos.
Cristina Terrón, representante da CIG, asegura que todas as amortizacións que a Xunta presenta na modificación proposta indican claramente a falta de interese do goberno do PP na cultura galega e no patrimonio audiovisual e fotográfico galego. “Pero ademais, a Xunta aproveita esta modificación para despedir traballadores, coa desculpa de que non hai carga de traballo. Esa situación vai supor cando menos unha merma importante dos servizos públicos que viña desenvolvendo ata agora o CGAI”, denuncia.
Terrón explica que ademais de propor a amortización de tres postos, tampouco se está a cubrir a praza doutro traballador que se atopa en excedencia e, debido á falta de reposición de prazas, “a biblioteca especializada en audiovisuais, o servizo de préstamo e a área de exposicións xa se encontran pechadas dende hai máis dun ano”.
A isto engade que na área de proxección, só hai dous proxeccionistas en quendas separadas, de mañá e tarde. “Tanto os ciclos de ensinanza e difusión do audiovisual, como as proxeccións que se realizan entre máis de 2.500 rapazas/es ao ano, desempéñanse na quenda de mañá. Na quenda de tarde o CGAI desenvolve a súa programación regular á que asisten máis de 10.500 espectadores ao ano e diversas presentacións e eventos relacionados co audiovisual”.
Coa modificación proposta pola Xunta amortizarían unha destas prazas, co consecuente despedimento do traballador que a ocupa, e toda a actividade desenvolvida por esta área estaría atendida por un só técnico especializado, algo que dende a CIG se considera totalmente inviábel. “Segundo fontes do propio centro, sería imposible o desenvolvemento dunha programación regular, e todos os ciclos formativos que se veñen realizando, cunha redución de efectivos semellante”, engade a representante da CIG.
Diante disto, o sector da Autonómica da CIG-Administración denuncia, máis unha vez, o desmantelamento do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) por parte do goberno do Partido Popular, así como o desprezo pola cultura do país e a falta de respecto ante os traballadores e os seus representantes sindicais, porque “cando aínda non estaba rematada a mesa de negociación, xa estaban convocando a Comisión de persoal para aprobar a modificación sen mover unha coma. Este “paripé” do Partido Popular que pretende “pasar o rodillo” unha vez máis, denota unha falta absoluta de vontade negociadora”.
O sector da Autonómica entende que o CGAI ten que estar dotado dun cadro de persoal que permita o desenvolvemento pleno das función que lle son propias, polo que insta á Xunta a que retire esta sen razón e poña fóra de perigo, dunha vez, a unha institución tan necesaria como única en toda Galiza e que garante a memoria do audiovisual galego.