Demandan do Sergas a convocatoria da mesa sectorial para recuperar os dereitos suspendidos
Delegados e delegadas de CIG-Saúde concentráronse esta mañá diante do edificio do Sergas, en San Lázaro, para demandar a inmediata convocatoria da mesa sectorial e o inicio dun proceso de negociación que permita ao persoal da sanidade pública galega recuperar os dereitos laborais e o poder adquisitivo perdido.
No decurso da mobilización fixeron entrega dun escrito, no rexistro da consellaría, dirixido tanto ao conselleiro como á directora de Recursos Humanos para facerlle chegar, novamente, esta demanda que até o de agora non foi atendida.
Nese sentido, a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lembrou que desde o pasado mes de abril non tiveron tampouco ningunha xuntanza da comisión técnica de carreira profesional e demandou que “de inmediato se convoque esta comisión para debater as alegacións presentadas e coñecer cales foron aceptadas polo SERGAS”.
Abuín considerou que non sería procedente que o Servizo Galego de Saúde “dese unilateralmente por pechada a negociación da carreira, presentando nunha próxima reunión da mesa sectorial o texto definitivo da carreira presentando nunha próxima reunión da mesa sectorial o texto definitivo da carreira profesional cun ultimato ás organizacións sindicais para que asinen o acordo ou non”.
Asegurou que desde a CIG-Saúde non se entendería unha negociación de costas ás traballadoras e traballadores e sen a súa participación e afirmou que “calquera documento de negociación que afecte ás condicións laborais e retributivas do persoal do SERGAS ten que ser coñecido por todos/as antes da súa aprobación”.
Por iso, a CIG-Saúde sinala, no escrito entregado esta mañá no rexistro, que “agardamos recibir á maior brevidade, a convocatoria de reunión da mesa sectorial” para a negociación do calendario de recuperación dos acordos suspendidos en 2010.
Solicita ademais que antes desa xuntanza, se convoque a comisión técnica da carreira profesional, cun documento previo sobre o que debater na mesa sectorial, no que se recolla, cando menos, o valor retributivo do grao.