Demandan que Traballo paralice a actividade nunha tenda de Zara da Coruña mentres duren as obras
A CIG-Servizos vén de presentar, por segunda vez, perante a Inspección de Traballo, a demanda de paralización da actividade na tenda de Zara da rúa Compostela, na cidade da Coruña, mentres duren as obras de reforma integral do establecemento. Advirte que tanto as traballadoras e traballadores da multinacional, como a clientela, coinciden co persoal da empresa de construción soportando niveis de ruído, po e outros inconvenientes que fan insoportable o desenvolvemento normal da actividade.
Segundo denuncian as delegadas de prevención da CIG do comité da provincia da Coruña as obras comezaron o pasado 1 de febreiro. Daquela xa se solicitara nunha xuntanza coa dirección da empresa que pecharan a tenda mentres duraran as obras.
Carmiña Naveiro, presidenta do comité e secretaria de Acción Sindical da CIG-Servizos, lembra que diante desta solicitude a empresa alegou que era unha obra menor cando o que se está a facer é unha reforma integral de toda a tenda. “Isto supón un risco tanto para as traballadoras e traballadores da tenda como para as clientas”, denuncia.
Explica que o persoal ten que traballar a diario con operarios cruzando continuamente polo medio da tenda, cos uniformes manchados, con todo cheo de po, con maquinaria na man, con cheiro a pintura ou co ruído insorportable da radial. Engade ademais que para realizar a obra habilitouse a zona de descanso do persoal como área de traballo de construción o que deixa ás traballadoras e traballadores da tenda sen un lugar para, sequera tomar o bocadillo. Unha circunstancia que se ben supón un risco para todos aínda é máis grave para as traballadoras en situación especialmente sensible.
Naveiro asegura que “a día de hoxe se descoñece se houbo algún labor inspector para comprobar esta situación, o que nos resulta moi sorprendente dada a situación que estamos a denunciar”.
Lembra que até hai nada Inditex impoñía quendas estanco para evitar posibles contaxios por COVID-19, o que provocou perdas nos salarios para as traballadoras con redución de xornada, e que, porén, agora non adopte medida algunha cando ese mesmo risco persiste e a el súmanse ademais todos os derivados de traballar en medio dunha obra de construción desta envergadura.
“Clama ao ceo que para Inditex prime as vendas e manteña a tenda aberta para poñela bonita fronte á seguridade, a saúde e a integridade do seu persoal”, di a presidenta do comité. Por iso, demanda unha rápida actuación da Inspección para que se adopten medidas inmediatas e se dea cumprimento á lei de prevención de riscos laborais”.