Delegados/as da CIG protestan en Compostela contra a centralización da negociación colectiva
Galería de imaxes da asemblea nacional de delegados/as
Galería de imaxes da manifestación por Compostela
Na asemblea previa á manifestación debulláronse as consecuencias das reformas introducidas na negociación colectiva para, segundo Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral, precarizar aínda máis as condicións laborais.
Alcántara denunciou a transferencia masiva das rendas do traballo ás rendas do capital abaratando, na primeira reforma o despedimento; despois modificando as condicións para os EREs e logo mudando as regras da negociación colectiva.
Unhas reformas que, lembrou, acometeu primeiro o PSOE pactando con CCOO e UGT a prevalencia dos convenios a nivel de Estado, para poder decidir “desde Madrid e nas cúpulas” convenios que definiu como “miserentos” para “arrebatarnos a capacidade de mobilizar á clase traballadora e que esta non puidera participar nas negociacións”.
O secretario confederal de Negociación Colectiva subliñou que despois o Partido Popular “foi máis alá” cunha nova reforma que lle deu máis poder ás ETTs; precarizou máis as condicións de traballo; facilitou a contratación a tempo parcial e levou “á precariedade extrema para que, quen entrara nunha empresa o fixera cos brazos en alto”.
Xunto a isto denunciou que nesa reforma déuselle preferencia aos convenios de empresa “para evitar que se puideran aglutinar forzas nos convenios a nivel provincial”, deixando na indefensión aos cadros de persoal con cada vez máis traballadoras e traballadores eventuais ou en condicións precarias e, polo tanto, con menor capacidade de mobilización para defender os seus dereitos.
A pesar diso, Alcántara salientou o “carácter combativo” da sociedade galega que foi a que máis se mobilizou en todo o Estado contra esas reformas e fixo un chamamento a “plantar cara” para superar estas trabas e conseguir melloras nas condicións laborais e de vida.
Acción sindical
De feito foi grazas a acción sindical e á capacidade de moitos traballadores/as para plantar cara na negociación colectiva de diversos convenios grazas ao que se conseguiu superar as limitacións impostas a través destas reformas.
Así se puxo de manifesto a través das intervencións de Laura Pérez, da Comisión negociadora do convenio estatal de centros de chamadas (Telemarketing); Alexandra Formoso, delegada de persoal en Eroski; Alfredo Filgueiras, membro do comité de empresa de parques e xardíns de Vigo; Xesús Pastoriza, membro da comisión negociadora do convenio galego de ambulancias; Indalecio Gómez, membro da comisión negociadora do convenio do Metal de Ourense e Manuel Barbosa, membro do comité de empresa de Faurecia Asientos.
Sindicalismo de contrapoder
Para Suso Seixo, secretario xeral da CIG, que pechou coa súa intervención a asemblea, estes casos serviron para demostrar como “a través da loita e a mobilización é posíbel, a pesar das dificultades, ter éxito nas nosas reivindicacións”. Loitas que, afirmou, permiten pór en valor o papel da CIG “e a nosa firme disposición a continuar coa mobilización e un sindicalismo de contrapoder”.
Seixo analizou as sucesivas “contrarreformas” laborais que provocaron que, xunto ás políticas económicas e os recortes das liberdades públicas, desde as altas instancias políticas e financeiras europeas, se afondara aínda máis “no actual modelo socioeconómico de capitalismo neoliberal”, favorecendo así “incrementos de beneficios do capital e a concentración da riqueza en mans da oligarquía financeira”.
O secretario xeral da CIG asegurou que o capital busca incrementar as súas marxes de beneficio pola vía de fomentar “unha economía totalmente especulativa”, especialmente co prezo da vivenda, do petróleo, dos cereais, das materias primas en xeral, máis tamén coa débeda pública ou co prezo das divisas, entre outras. Advertiu ademais, que outra das vías é a través da privatización de servizos públicos, de empresas públicas ou do sistema público de pensións, sectores onde se moven miles de millóns de euros.
Tamén denunciou, como forma de incrementar eses beneficios, unha política fiscal absolutamente inxusta e regresiva, que incrementa os impostos indirectos e reduce os directos ás rendas máis altas, ás grandes fortunas e ao capital, ao tempo que favorece a evasión fiscal, fundamentalmente a través dos paraísos fiscais.
Sobreexplotación da clase traballadora
Canda isto, Seixo denunciou a sobreexplotación da clase traballadora a través da redución dos salarios; o incremento da xornada laboral; os retrocesos en prestacións sociais; a desregulación, individualización e a precarización en xeral do mercado laboral. En síntese “recortando dereitos e deslexitimando á clase traballadora fronte á patronal”.
O secretario xeral da CIG considerou que precisamente a isto último responden as reformas laborais, da negociación colectiva e das pensión. “Reformas que veñen con vocación de permanencia”, advertiu e que “responden ao modelo sociolaboral que o capital quere implantar en todo o mundo”.
Porén, o secretario xeral da CIG subliñou que os casos expostos na asemblea permiten visibilizar que “esas dificultades se poden vencer”. Sinalou que, de feito, a CIG conta con cada vez máis apoio entre a clase traballadora galega e, de feito, a esta altura sitúase a menos dun punto de ser a primeira forza sindical en Galiza, xa o é en número de afiliados/as, “e todo isto sen renunciar ao noso modelo sindical”.
Por iso considerou fundamental pór en valor o papel do sindicato e fixo un chamamento a, sendo conscientes de que isto é “unha loita a curto, medio e longo prazo”, seguir loitando por “facer realidade o obxectivo estratéxico da central sindical de conquistar unha sociedade galega máis xusta, democrática, igualitaria, soberana e sen explotación”.