Delegados/as da CIG nos centros de chamadas protestan no Parque Tecnolóxico de Ourense polo bloqueo do convenio estatal
A concentración diante do Parque Tecnolóxico, no que teñen as súas instalación Contactnova e a UTE Centro de Llamadas-Contactnova, fai parte da rolda de mobilizacións convocadas pola CIG por toda Galiza para dar contestación á situación de bloqueo no convenio. A central xa organizara con anterioridade protestas nas cidades da Coruña e Vigo, onde se concentran o maior número de empresas do sector.
Dende a CIG-Banca explican que “malia que as empresas pretenden tirar beneficios das sucesivas reformas laborais do PP e mentres en Madrid o sindicalismo estatal agarda con resignación a un cambio 'motu proprio' por parte das compañías, a CIG continua saindo a rúa, levando as mobilizacións ás portas das empresas por toda Galiza”.
Con posterioridade á mobilización tivo lugar unha asamblea onde se debateu a situación do sector e do convenio e onde houbo coincidencia na necesidade de incrementar as mobilizacións no caso de que non haxa avances na vindeira reunión da mesa negociadora.