Delegados/as da CIG mobilízanse diante da Inspección de Traballo en Vigo para denunciar que “a precariedade laboral mata”
Durante a protesta, que se desenvolveu ás portas da Inspección de Traballo, na rúa Cánovas del Castillo, de 11.00 a 12.00 horas, despregouse unha faixa co lema “A precariedade laboral mata” e berráronse consignas como “Traballo temporal, accidente laboral”, “Emprego estábel e con seguridade”, “Accidente laboral, terrorismo patronal” ou “Traballo digno na nosa terra”.
Ao remate do acto reivindicativo os secretarios Comarcal e de Organización da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves e Anxo Igrexas, fixeron entrega dun escrito dirixido ao xefe da Inspección de Traballo no que se lle lembra que o pasado abril foi un mes “fatal” no referido á seguranza e saúde laboral na comarca, xa que dous traballadores perderon a vida a causa de accidentes laborais na cidade. “Son dous casos, pero cada ano decenas de traballadores/as perden a vida durante o seu desempeño laboral, e centos resultan feridos/as, as máis das veces de gravidade”, denuncian.
Ao mesmo tempo, incídese en que a sinistralidade laboral está directamente ligada á precariedade e a falla de protección e garantías. “Os accidentes sono a medias, xa que en moitos casos, como de maneira directa coñecen nesta Inspección, á accidentalidade engádese a falla de medios de seguranza ou que estes son insuficientes ou inaxeitados”.
Desatención da Inspección de Traballo
Cada día aumentan os ritmos de traballo, a presión patronal para facer máis en cada vez menos tempo, o que agrava a situación de desprotección e supón unha seria ameaza á integridade física dos traballadores/as. “Vemos tamén como as empresas tentan por activa e por pasiva fuxir do cumprimento da normativa en materia de seguranza, eludindo a súa responsabilidade e converténdose, desta maneira, en responsábeis por acción e por omisión en moitos presuntos accidentes laborais”, sosteñen.
Fronte a isto, denuncian a insuficiente atención por parte da Inspección de Traballo para incidir de maneira activa nesta grave problemática. “É por iso que dende a CIG queremos reiterarlle a necesidade de que a Inspección atenda coa máxima dilixencia as denuncias que formulan os traballadores/as e a súa representación sindical”. E reclaman que se redobren as inspeccións que se realizan de oficio, singularmente no sector da construción, para garantir o estrito cumprimento da normativa en materia de seguranza e saúde laboral, e para penalizar as empresas que a incumpren.
“Non podemos consentir que ademais de ser vítimas da explotación, de padecer a precariedade laboral e o empobrecemento dos salarios, se poña en risco a nosa saúde e as nosas vidas mentres traballamos. Temos dereito a traballar coas máximas garantías de seguridade e salubridade. E a Inspección de Traballo debe actuar de maneira decidida e efectiva para garantir que ese dereito se respecta de verdade”, rematan.