Delegados/as do transporte de viaxeiros trasládanlle o seu apoio a Nélida Pisco
Delegados e delegadas da CIG no sector de transporte de viaxeiros de empresas como Castromil (Grupo Monbús), Arriba Noroeste, Grupo Hermanos Ferrín e Tralusa, entre outros, comezaron a distribuír un manifesto de apoio a Nélida Pisco entre os traballadores e traballadoras do sector e os usuarios/as de transportes de viaxeiros da área de Compostela.
Baixo o título de “Contra o machismo e o acoso laboral. Solidariedade con Nélida Pisco”, as delegadas e delegados da CIG lembran no manifesto que a súa compañeira viu denegada por Autobuses de Calo (HEDEGASA SL), en 2009, a solicitude de redución de xornada para coidar á súa filla, que só toleraba lactación materna, “nos termos recollidos pola lei para atender esta necesidade e ela viuse obrigada a reclamalo no xulgado, que lle deu a razón e estableceu un horario de traballo”.
Contra o machismo e o acoso laboral. Solidariedade con Nélida Pisco
Lembran tamén que a empresa negouse entón a cumprir a sentenza e deixou a Neli castigada e sen ocupación efectiva, diante da nave da empresa. “Como aínda así non se rendía, despediuna”. Un despedimento que, de novo, a xustiza declarou nulo, obrigando a empresa a readmitila.
Porén, denuncian, a reincorporación fíxose nunha ruta que non lle permite o contacto cos seus compañeiros, obrigándoa a ir recoller o bus a unha parada na que ten que deixar o seu vehículo particular, deixando o bus nesa parada ao remate da súa xornada. “No medio ten tres horas na estación de autobuses sen traballo efectivo, sen que a empresa teña ningún espazo habilitado onde estar. Non lle entregan uniformes desde 2009 e non se lle atende nunca ao teléfono, mesmo se ten unha avaría ou incidencia durante a condución. Tampouco se lle entregan as nóminas e ano tras ano ten que solicitar as súas vacacións no xulgado ao non fixarllas nunca a empresa. E mesmo foi agredida no ano 2010. Todo isto coa intención de que abandone o seu posto de traballo e renuncie así aos seus dereitos”.
Psicoterrorismo, mobbing, hostigamento e acoso laboral
Sinalan que en 2012, por todos estes motivos a Inspección de Traballo levantou acta de infracción laboral moi grave contra HEDEGASA, SL por “psicoterrorismo, mobbing, hostigamento e acoso laboral” e o ano pasado o xulgado do social de Santiago condenou á empresa por vulneración de dereitos fundamentais e cunha indemnización a Neli, acreditando máis unha vez o acoso laboral.
Retirada do permiso de conducir
O pasado mes de decembro recibiu unha notificación da DGT pola que se lle suspendía o permiso de conducir porque a empresa alertara do suposto risco para a condución que supoñía Neli na estrada por tomar medicación. Risco que é falso, como acreditan os informes médicos do Sergas e máis o INSS, pero que a DGT non se preocupou de comprobar, deixando a Neli nunha situación de desprotección que aproveitou a empresa para comunicarlle novamente un despido.
“Por iso decidimos facer público novamente este conflito” informan as delegadas e delegados da CIG do sector no manifesto no que advirten que “non imos parar até que Autobuses de Calo remate cunha situación inaceptábel”. Unha situación que, afirman, “se sustenta no machismo dos responsábeis da empresa e na vulneración de dereitos básicos como que unha muller pode ser nai e vivir dignamente do seu traballo”.
O medo non xustifica situarse do lado dos agresores que queren destrozarlle a vida a unha traballadora que está defendendo os seus dereitos
Para os seus compañeiros “non todo vale”. Saben que a empresa ten prohibido falar con Neli e relacionarse con ela e que xa despediu a varios compañeiros por apoiala “pero o medo non xustifica situarse do lado dos agresores que queren destrozarlle a vida a unha traballadora que está defendendo os seus dereitos”, aseguran. E advirten á empresa de que “levaremos a loita até onde sexa necesario”, mentres no se restablezan todos os seus dereitos.
Da Xunta de Galiza demandan que interveña porque as rutas son da súa titularidade e nas concesións explicítase a necesidade do fomento do emprego feminino no sector. “Co exemplo de Hedegasa xa deberan ter actuado contundentemente e, por iso, considerámolos responsábeis directos”.
A Neli agradécenlle a súa actitude e que loite “por todas e todos nós”.