Delegados e delegadas do naval de Ferrol mobilízanse en demanda de carga de traballo
Delegados e delegadas de Navantia e das industrias auxiliares continuaron este xoves co calendario de mobilizacións acordado para reivindicar carga de traballo inmediata para os estaleiros e que se cumpra coas inversións prometidas para as instalacións "que son vitais e sen as que o futuro de Navantia na Ría de Ferrol corre serio perigo".
Marcelino Amado, delegado da CIG en Navantia Ferrol, lembra que a partires do próximo ano "xa non quedará nada de construción naval até mediados de 2022", cando está previsto que se comece a cortar chapa para as fragatas F-110. Por iso, unha das reivindicacións do persoal é a construción dun buque loxístico que palíe a subactividade e evite que miles de operarios/as das auxiliares vaian ao desemprego, así como que se apuren ao máximo os prazos das fragatas.
Nin un euro para o dique cuberto
No relativo ás inversións, Amado advirte que hai unha clara determinación por parte da dirección da empresa "de eliminar ou minimizar Carenas, Turbinas e incluso en Eólica cinxirse a traballos de menor entidade e menor valor engadido nos que Navantia ten unha participación tecnolóxica ridícula".
E nesta liña, reivindica a construción do dique cuberto xa que é unha infraestrutura imprescindíbel para dotar de futuro as instalacións, pero para a que non se recolle nin unha soa partida no proxecto de orzamentos do Estado para 2021.
Así as cousas, a próxima semana están previstas asembleas de traballadores e traballadoras para acordar un novo calendario de mobilizacións.