Delegados e delegadas de Naturgy concentraranse en Madrid este mércores día 3
As seccións sindicais da CIG, CGT, SIE e USO acordaron convocar unha concentración de delegadas/os de Naturgy, mañá mércores día 3 de abril, entre as 12:00 e as 14:30 horas, na Avda. de San Luís, en Madrid en demanda dunha maior transparencia na comunicación da empresa; que se lles proporcione información detallada do avance do Proxecto Lean e para que se defina un calendario pechado de reunións para conseguir un Acordo de Garantías.
A convocatoria acordouse na xuntanza celebrada o pasado 27 de marzo entre o conxunto das organizacións sindicais que demandan que Naturgy informe sobre os plans e actuacións previstos logo de saber pola prensa que tiña previsto aplicar un ERE.
Como base do “Acordo de Garantías” propoñen diversos puntos que deberían garantirse no case de que unha Sociedade do grupo fose vendida: aplicación do Acordo a todos os colectivos (incluídos en convenio e excluídos), posibilidade de desvinculación, garantías de consolidación salarial e de beneficios sociais e garantía de emprego coa opción de retorno ao Grupo.
De momento a resposta da Dirección foi que non contemplan desmentir a noticia saída en prensa, reafirmando que o plan de desvinculacións segue en marcha como única medida de redución de cadro de persoal e que toman nota das liñas comentadas para seguir falando nunha próxima xuntanza que xa está convocada para o vindeiro 16 de abril.
Ademais, Bautista Vega Tato, presidente do comité de empresa de Meirama, denuncia que seguen agardando por información referida aos investimentos que teñen previsto facer en Meirama e que se aclare en que situación se atopa a empresa.