Delegados e delegadas da CIG-Construción ocupan e paran durante unha hora as obras da intermodal de Lugo
Delegados e delegadas da CIG-Construción e Madeira (FCM-CIG) ocuparon e paralizaron durante unha hora este xoves as obras públicas da estación intermodal de Lugo para reclamar a negociación dun convenio galego da construción e exixir da patronal que atenda as demandas sociais a este respecto.
Esta acción reivindicativa enmárcase no calendario de mobilizacións que a CIG está a desenvolver dende hai meses para instar a patronal galega e as respectivas asociacións provinciais a avanzar nun marco regulador galego “que nos permita defender o persoal do sector, estabelecer unhas condicións que o dignifiquen e evitar a sangría de man de obra que está sufrindo”.
Previamente a ocupar as obras da intermodal, os delegados e delegadas procedentes das catro provincias reuníronse en asemblea no local da CIG para analizar as condicións do sector, a falta de resposta da patronal e acordar novas mobilizacións. O secretario nacional da FCM-CIG, Plácido Valencia, explica que o acordo da asemblea foi ir a unha convocatoria de folga no sector despois do verán se o empresariado continúa ignorando máis tempo as súas demandas.
O dereito a negociar en Galiza as condicións laborais
Valencia explica que tras da aprobación do cambio lexislativo que dá prioridade aos convenios e acordos interprofesionais autonómicos, a CIG, como sindicato maioritario no sector en Galiza, instou a patronal a avanzar neste camiño para “blindar os convenios provinciais fronte ao marco estatal, que actualmente ten reservadas a maioría das materias de negociación e que topa calquera mellora que se pacte a nivel provincial”.
Defende o dereito “a negociar aquí e non en Madrid as nosas condicións laborais” e engade que contar cun marco galego “permitiríanos seguir a mellorar os convenios provinciais e protexelos dos ataques da patronal estatal que tenta impedir estes avances”. Tamén evitaría o que aconteceu co convenio da construción de Pontevedra ou o de pintura da Coruña, impugnados pola patronal estatal por recoller melloras por enriba do marco estatal.
Pero despois de meses intentando obter unha reunión coa patronal galega e de numerosas mobilizacións “a única resposta foi a calada”. Por iso, a FCM-CIG acordou intensificar as accións de protesta e facer hoxe unha ocupación das obras da intermodal de Lugo.
Durante o acto reivindicativo paráronse as dúas obras (adxudicadas a COPASA e San José) e aproveitouse para realizar unha asemblea cos traballadores e traballadoras para explicarlles os motivos da protesta e a necesidade de contar cun convenio galego que dignifique as condicións salariais e laborais “e que non nolas impoñan dende Madrid”. Tamén se abordaron as condicións de traballo que ten o persoal nestas obras e se responderon as dúbidas en materia laboral que formularon algúns dos operarios.
Concluída a asemblea e coa presenza da policía local e nacional, a FCM-CIG deu por rematada a acción e abandonou a zona das obras, advertindo que o camiño, da patronal continuar no seu inmobilismo, será a convocatoria de folga no sector.