Delegados e delegadas da CIG concéntranse para esixir xustiza para Pintos e rexeitar a represión da mobilización social
Ao berro de "Xustiza para Pintos!", a CIG realizou unha concentración este martes diante da Audiencia Provincial da Coruña coincidindo co primeiro dos tres días de xuízo contra o ex cosecretario comarcal da CIG de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, que se enfronta a unha petición de cárcere pola súa participación nunha mobilización dos traballadores/as do naval e de Poligal convocada con motivo dun acto electoral do PP en Ferrol, no inicio da campaña ás autonómicas de 2012.
Esta primeira xornada (na que está declararon o propio Pintos, o axente de policía que exerce a acusación particular e doce das testemuñas da acusación) arrancou coa presentación dun informe pericial por parte da defensa para que se incorporen ao xuízo as probas audiovisuais e o testemuño de dez persoas máis.
Cómpre lembrar que das 46 testemuñas propostas pola defensa só se aceptaron tres, "mentres que a acusación contará coa declaración de 12 policías e de catro cargos políticos do PP". Unha situación que, explicaba o propio Pintos antes de entrar no xulgado, "me deixa nunha total indefensión e por iso incluso chegamos a pedir a revogación do tribunal, porque se vía moi partidista". Finalmente, hoxe foi aceptada a petición de incluír o testemuño destas dez persoas, que se suman ás tres que testificarán a proposta da defensa.
Hai que sinalar tamén que a Fiscalía (que pide dous anos de prisión por un delito de atentado e unha falta de lesións mentres que a acusación particular pide tres anos) non tivo en conta neste proceso xudicial a denuncia presentada por Pintos para que se investigaran as agresións e vexacións que sufriu mentres permanecía detido e incomunicado en comisaría.
"Tocoume ser o cabeza de turco"
Pintos lembrou as circunstancias nas que se produciu a súa detención naquela noite do 4 de outubro de 2012, no marco dunha protesta que se desenvolveu de maneira totalmente pacífica e na que, ao remate desta, se produciu unha intervención policial desmesurada e sen motivación. Durante a carga, Pintos foi golpeado en reiteradas ocasións (hai imaxes del cunha ferida aberta na cabeza e sangrando), detido e trasladado a comisaría, onde permaneceu incomunicado toda a noite. Até alí achegáronse tres membros da executiva comarcal da CIG de Ferrol para interesarse pola súa situación que foron recibidos con cadanseu porrazo e con indicacións de que marcharan para a casa.
"E a pesar do que pasou, agora son eu quen acaba sendo xulgado, cun intento por parte da Fiscalía e da acusación de que entre na cadea. Tocoume a min como cabeza de turco, como outras veces lle ten tocado a outras compañeiras e compañeiros estar aquí por defender os dereitos e as liberdades", aseveraba.
De vítima a verdugo
Nesta liña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualificou o xuízo dunha "farsa, na que as vítimas son xulgadas". Valorou como "inaudito", que o compañeiro Pintos se vexa nesta tesitura "cando foi el o agredido e maltratado, mentres segue habendo total impunidade con quen aplica políticas altamente lesivas para o conxunto da clase traballadora e con quen nos explota".
Carril apuntou ao contexto sociolaboral no que se produciu a mobilización e detención de Pintos, "coa comarca de Ferrol sumida nunha situación agónica, que hoxe aínda é máis tráxica por que a perda de emprego e o peche de empresas se ten agudizado nestes anos". Criticou que este xuízo "é unha montaxe política", para a que non se dubida en utilizar a policía e a xudicatura "como armas para reprimir a mobilización social".
Porén, advertiu que a CIG non está disposta a dar un paso atrás na defensa dos dereitos "e tampouco imos permitir que se pretenda amedrentar e presentar como un problema de orde pública (e polo tanto resolvela a través da represión) a loita por un posto de traballo digno e contra a vaga de recortes e empobrecemento xeneralizado que estamos a sufrir".
A este respecto, o secretario xeral da CIG reclamou a derrogación inmediata da chamada Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal, xa que son dous mecanismos que se utilizan controlar, disuadir, criminalizar e reprimir a mobilización e a contestación social na rúa.
Mañá mércores, nova concentración na Audiencia
O xuízo contra o compañeiro Pintos continuará mañá, cando acudirán a testemuñar catro responsábeis do PP e tres das testemuñas da defensa. Con tal motivo, a CIG ten convocada unha nova concentración de delegadas e delegados diante da Audiencia que se desenvolverá entre ás 09:30 e ás 11:00 horas. Cómpre destacar que na protesta deste martes tamén participaron compañeiros e compañeiras de CCOO, UGT e CGT.