Delegados e delegadas da CIG concéntranse diante da Xunta de Galiza en demanda da xornada de 35 horas
Delegados e delegadas da CIG do persoal funcionario e laboral da Xunta demandaron esta mañá, cunha concentración diante do edificio administrativo de San Caetano, a implantación xornada laboral de 35 horas; promoción interna e concursos de traslados permanentes.
Segundo explicou Fernando García respecto da xornada de 35 horas, o persoal leva “desde o século pasado” cunha xornada de 8 horas diarias e “a administración, que debería ser quen articulara as medidas necesarias para reducir a xornada e que despois se implante no sector privado, nin sequera é capaz de dar un paso”.
Nese sentido lembrou que noutras administracións públicas, “mesmo con gobernos do PP moi radicais”, entre os que mencionou o de Murcia, se puxo en marcha a xornada de 35 horas en administracións locais e demais e “aquí non dan un paso cara iso”. Considera que é un problema de “presentismo”, de “ver ao persoal sentado diante dun ordenador” e de “primar o de estar, non o de facer” porque é “o modelo que o propio Director Xeral representa”.
Concursos de traslados
Canto aos concursos de traslados, García lembrou que a CIG-Administración Autonómica leva anos demandando que sexan, como se viña establecendo até o de agora, como mínimo anuais, cando non permanentes. Fronte a isto, explicou que “temos concursos de traslados, como o de persoal laboral sen convocar desde hai 11 anos; de determinados corpos e escalas desde hai 7 e 8 anos e mesmo de administración xeral desde hai 5 anos, cando a periodicidade debería ser anual”.
Considerou ademais que isto responde a que “queren utilizar o concurso de traslados como instrumento para colocar ao persoal directamente, sen pasar polo procedemento oportuno, para vendelo como un favor”. Fronte a isto lembrou tamén que noutras administracións, dentro da propia Xunta, como no caso da administración educativa “teñen até dous concursos anuais”.
Respecto da promoción interna asegurou que se está evitando nutrir os postos de traballo da propia Xunta con recursos propios e prefiren recrutar externamente a nutrilos con xente que teña a titulación e as capacidades requiridas.
Por iso denunciou que “levamos retraso coas promocións internas”, e considerou que “son auténticas carreiras de obstáculos”, porque poder subir, por promoción interna, dun subgrupo para o seguinte e cambiar de grupo “é unha auténtica carreira de obstáculos, porque o que queren é a inmobilidade”.
Avances grazas á mobilización
Con todo subliñou que xa só co feito de se mobilizar e convocar asembleas en Vigo, Pontevedra, Servizos Centrais, San Lázaro, San Caetano, Ourense e demais, “xa valeu para que Función Pública tivese que enviarnos borradores da promoción interna, porque era moi escandaloso”. Unha resposta por parte da administración que entende que “demostra que mobilizarse é un instrumento válido”. Por iso adiantou que a CIG seguirá coas mobilizacións e chamando ao persoal a que adopte as medidas necesarias para conseguir os cambios necesarios.