Delegados do sector de carburantes e biocarburantes concéntranse no Parlamento por unha transición xusta
Delegados de empresas como Masol, en Ferrol, Bioetanol Galicia, en Teixeiro e a refinería de Repsol na Coruña, do sector de carburantes e biocarburantes concentrábanse esta mañá diante do Parlamento de Galiza coincidindo co debate, na Comisión 6ª de Industria e Enerxía, dunha proposición non de lei para a elaboración dun plan galego, promovida polo BNG, e que recolle as medidas defendidas pola CIG relativas a garantir, no marco do proceso de descarbonización da economía, a posta en marcha de alternativas de reindustrialización e creación de postos de traballo nos territorios afectados.
No decurso da mobilización, inserida na campaña que a central sindical puxo a andar hai xa un ano, coreáronse consignas como “Non hai transición sen inversión”, “É demolición, non é transición” ou “Transición Galega Xusta”.
Respecto desta última, o delegado da CIG Armando Carril, lembrou que en xuño de 2021 solicitaron tanto á Xunta de Galiza como ao Ministerio de Transición que tivera en conta o sector galego de carburantes e biocarburantes para poñer en marcha un Plan galego de Transición Enerxética, sen ter, a día de hoxe, resposta algunha.
Plan para o que lembrou as propostas que vén facendo a CIG sobre esa cuestión e que se resumen na conversión das refinerías en bío refinerías; apostar polos biocarburantes de segunda xeración, así como tamén exixir das administracións públicas investimentos nas refinerías para podela levar a cabo.
Carril engadiu a isto que “a situación actual está a xerar moita incertidume no sector, a todos os niveis, xa que os biocarburantes dependen do cereal e o prezo dos combustibles tamén afecta as refinerías e, polo tanto, engade máis incerteza á que tiñamos enriba da mesa”.
O delegado da CIG demandou, por iso, investimentos e que se tome en serio un plan de transición atendendo ás propostas da central sindical, porque “é a única forma de consolidar os postos de traballo que temos aquí e evitar que esta transición enerxética sexa unha demolición dos postos de traballo en Galiza nun sector importante, na pouca industria que temos, que pode afectar a máis de 1.000 postos de traballo. Ou se toman medidas urxentes para afrontar esta transición ou este sector está abocado ao peche”, concluíu.
Transición galega xusta
O sector de carburantes e biocarburantes ten un importante peso en Galiza pero pode quedar fóra do cambio enerxético verde, pola inexistencia de políticas, tanto por parte do Goberno español como da Xunta de Galiza. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, apunta que a fabricación de combustíbeis ten que ser superada "pero non a conta de cadrarlle ás contas ás empresas mentres se destrúen miles de empregos e se deixan comarcas enteiras na desertización industrial".
Neste senso, remarca que o proceso de transición esixe de políticas públicas e que os gobernos non sigan eludindo a súa responsabilidade, mais nun momento de crise industrial como o que padece Galiza e de medre imparábel da carestía da vida, en parte a causa dos elevados prezos da electricidade e os combustíbeis; mentres as grandes empresas destes sectores obteñen beneficios millonarios.
Plan de medidas para a transición
Para afrontar este proceso, cómpre implementar un plan de actuación -coa participación das centrais sindicais máis representativas e doutros axentes implicados- que contemple medidas para a transformación das refinerías en biorefinerías; a transición cara aos biocombustíbeis de segunda xeración, con materias primas sostíbeis e buscando as sinerxías con outras industrias coa elaboración de subprodutos; e unha aposta polos biocombustíbeis como combustíbeis de transición na mobilidade até que se alcancen os obxectivos marcados para a mobilidade eléctrica.
Xunto a isto, a CIG defende que non se conceda ningún tipo de fondos públicos, nin se outorgue autorización, concesión e adxudicación de MW a aquelas empresas do sector afectado, que non garantan a continuidade do emprego e non fagan os investimentos precisos nas plantas.
Ademais, e sempre dende o respecto ás competencias autonómicas, para dotalo de eficacia, este plan de transición ten que ter prazos delimitados para a súa aprobación; e de xeito paralelo ten que constituírse unha mesa de traballo na que abordar os cambios a acometer no sector de maneira que a reconversión non sexa unha demolición e evitar repetir o que está acontecendo nas Pontes ou Meirama ou noutros sectores industrias do noso país, onde se impulsan cambios de modelo enerxético sen formular alternativas.