Delegados da CIG en conservación de vías reclaman condicións dignas e o plus de perigosidade
Delegados da CIG nas empresas de mantemento e conservación das vías concentráronse este martes diante do edificio da Xunta en San Caetano para esixir das concesionarias e das administracións públicas que garantan unhas condicións laborais dignas no sector e, nomeadamente, para que se lle recoñeza a aplicación do plus de perigosidade estabelecido nos convenios de construción, tendo en conta o risco inevitábel do seu traballo.
A mobilización enmárcase na campaña que a Federación de Construción e Madeira está a desenvolver na defensa dos dereitos destes traballadores e traballadoras que, malia dedicarse practicamente ao mesmo (manter en bo estado de uso as estradas e autoestradas públicas do noso país), teñen condicións laborais inferiores ás do persoal propio que as administracións teñen destinado nas vías.
Tanto é así, que as condicións varían en función de cada contrata, existindo enormes diferenzas laborais e retributivas entre unhas empresas e outras no prezo da hora extra, a contía do plus de retén ou a compensación pola vialidade invernal.
Isto acontece, explica o secretario nacional da FCM-CIG, Plácido Valencia porque os pregos de licitación apenas recollen cláusulas sociais que garantan condicións dignas de traballo, e o convenio de sector (construción) tampouco ten en conta as súas peculiaridades. Por iso, subliña, "as condicións e dereitos dependen exclusivamente da capacidade de mobilización e negociación dos seus comités e sección sindicais".
Precisamente, esta é unha das demandas que a CIG formulou na concentración deste mediodía, durante a que tamén rexistrou un escrito solicitando manter unha reunión coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade para abordar as problemáticas deste persoal e reclamar a dignificación do sector. Neste senso, Plácido Valencia agarda que desta volta a conselleira si atenda a petición, "pois á solicitude previa que fixemos déronnos a calada por resposta".
Loita pola seguridade
Outra das grandes reivindicacións do sector é a loita pola súa seguridade, e sobre todo contra a alta sinistralidade laboral provocada polos atropelos ou os golpes dos vehículos usuarios das vías. Pois hai que ter en conta que, estatisticamente, nos accidentes de tráfico o risco de morte cando implica un operario cuadriplica o da persoa usuaria da vía.
Por isto, aparte da dotación de todos os medios de visibilidade e seguridade, o sector está a loitar polo recoñecemento do plus de perigosidade estabelecido nos convenios de construción, previsto especificamente para cando o risco do traballo é inevitábel.
Neste senso, o secretario nacional da FCM indicou que, de xeito paralelo á acción sindical, a CIG xa comezou a tramitar denuncias nos xulgados para a reclamación do plus de perigosidade.