Delegados/as de Ferrovial de toda Galiza arrouparán o persoal do CHUO en folga
Delegados/as da CIG-Industria en Ferrovial de todo o país solidarizaranse este mércores cos compañeiros/as do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) que se atopan en folga indefinida dende o pasado 26 de febreiro para reclamar melloras salariais e denunciar a discriminación laboral que padecen. Representante sindicais e traballadores/as do servizo de mantemento desenvolverán unha mobilización este mércores de 10 a 12:00 horas.
Segundo explicou hoxe en rolda de prensa o secretario comarcal da federación de Industria da CIG de Ourense, Indalecio Gómez, con esta protesta, que terá lugar primeiro ás portas da antiga residencia hospitalaria Cristal Piñor e despois polos arredores do complexo sanitario, pretenden presionar a dirección de Ferrovial Servicios para que se sente a negociar tras máis de 50 xornadas de folga. “A empresa di a través da prensa que está disposta a retomar as conversas, pero o certo é que aínda non se puxo en contacto con nós”, critican.
Lembran que dende o inicio do conflito Ferrovial non tivo vontade real de negociar. “O resultado das tres últimas reunións revelan que a empresa está apostando por desgastar e afogar economicamente o persoal para que abandone a folga, demostrando así un absoluto desprezo ás reivindicacións da parte social e sen importarlle o máis mínimo a situación na que se atopa ao servizo do que é adxudicataria”.
Sen vontade negociadora
Neste senso, sinalan que a pesar de que flexibilizaron as súas demandas co obxectivo de facilitar un acordo, na última xuntanza “a empresa apareceu cun documento no que se recollen supostas sabotaxes nas instalacións do centro sanitario e utilizouno como escusa para levantarse da mesa de negociación”.
Diante disto, os empregados/as do servizo de mantemento reiteran a súa intención de continuar coa folga indefinida e coas medidas de presión até lograr que Ferrovial asuma o cumprimento do convenio, remate coas discriminación laboral con respecto aos traballadores/as doutros centros sanitarios da provincia e reforce os cadros de persoal.