Delegados/as de CIG-Industria reclaman en Lugo salarios e convenios dignos
Delegados e delegadas da CIG-Industria manifestáronse este xoves polas rúas de Lugo en defensa do dereito a negociar en Galiza as nosas condicións de traballo e na demanda de salarios e convenios dignos. Con esta mobilización a CIG-Industria tamén quere apoiar a loita que as traballadoras e os traballadores do metal e do comercio do metal da provincia están a levar adiante en demanda de convenios dignos e un incremento económico xusto.
Ao remate da manifestación, diante da Confederación de Empresarios/as de Lugo, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi ‘Tupi’, recalcou a aposta da central nacionalista pola negociación colectiva como ferramenta fundamental da clase obreira para mellorar as condicións de traballo, máis aínda no actual contexto de empobrecemento dos salarios a causa do elevado custe da vida, a suba do prezo dos alimentos, da enerxía, dos combustíbeis e dos bens e servizos básicos.
A isto engadiu o secuestro ao que a patronal ten sometida a negociación colectiva e a insuficiencia ou falta de políticas por parte do Goberno galego do PP e do estatal de PSOE-UP, “que nada están a facer para que melloren os salarios e as condicións laborais”.
Neste senso, Tupi destacou que nos convenios nos que a CIG é hexemónico "prodúcense os maiores avances nas condicións salariais e nos dereitos laborais”, pondo como exemplo o convenio de siderometal da Coruña e Ourense, nos que grazas á determinación do persoal do sector “e ao noso modelo de mobilizacións social” logrouse rachar coa intransixencia patronal e que esta tivera que avirse a negociar.
“Estes convenios salváronse loitando, sen entreguismos, obviamente con algunha concesión porque as nosas pretensións eran maiores, pero sen perder dereitos”, destacou o secretario nacional da CIG-Industria, quen lanzou un chamado ás traballadoras e traballadores do sidero e do comercio do metal de Lugo e do metal de Pontevedra -que tamén están en plena negociación- “a intensificar a resposta ante a patronal, porque só cando hai mobilización e conflito se conseguen avances reais”.
Garantir o poder adquisitivo dos salarios
Tupi puxo énfase nos obxectivos irrenunciábeis da CIG na negociación colectiva: evitar a perda de dereitos adquiridos, a non aplicación das reformas laborais no relativo ás novas formas de precariedade, e garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios.
Precisamente foi a cuestión económica a que rachou a mesa de Lugo, ante a proposta miserenta da patronal que se nega ademais a abonar os atrasos. “A CIG non asumirá ningún incremento que fique por debaixo do IPC real como referencia para garantir o mantemento da capacidade adquisitiva, xunto cunha cláusula de revisión salarial que opere ano a ano atendendo ao IPC interanual e o pago dos atrasos dende xaneiro”.
Neste punto, lembrou que a inflación en Galiza no ano 2022 foi do 6,4%, un 0,7% superior á do Estado, que quedou no 5,7%. Pero a patronal de Lugo só ofreceu 340€ nunha paga única para todas as categorías, cando corresponderían máis de mil euros de atrasos. “A patronal ten que aceptar o pago destes atrasos, porque non imos renunciar a eles. E esperamos que as outras centrais sindicais tampouco, porque os traballadores e as traballadoras non o aceptarían”, aseverou.
Apuntou tamén que a patronal pretende levar a 2025 a revisión salarial sobre o IPC acumulado dos anos 22, 23, 24 e 25, e sen efectos retroactivos. “Con esta e con outras novas fórmulas de revalorización que tratan de introducir os participantes nas mesas do diálogo social, que distorsionan a revisión salarial con referencia no IPC, e das que se fala no marco do AENC en Madrid, só se empobrece máis á clase traballadora”, advertiu.
Neste contexto, valorou Tupi que como clase traballadora “necesitamos moito tempo para recuperar a perda do valor adquisitivo dos salarios, e non podemos permitir que se siga aumentando a pobreza salarial”.
Por iso, insistiu en que a CIG “quere e vai asinar este convenio do metal de Lugo, pero con estas condicións” e reiterou o chamamento ao persoal do sector a que participe na mobilización convocada polas tres organizacións sindicais para o próximo 23 de abril para exixir o pago dos atrasos, a sinatura dun convenio sen perdas salarial e con revisións anuais ao IPC.
“A CIG-Industria aposta pola mobilización para que os convenios sexan negociados en Galiza e que as traballadoras e os traballadores teñan capacidade de incidir e decidir sobre o que se negocia e unha maio capacidade de resposta diante da patronal”, concluíu.