Delegados/as da industria electrointensiva mobilízanse para urxir a creación dun novo marco regulador da enerxía
Delegados e delegadas da CIG concentráronse na mañá deste luns diante da Delegación do Goberno en Galiza en demanda dun novo marco regulador da enerxía que garanta a viabilidade da industria electrointensiva e dos miles de empregos que del dependen. A protesta realízase coincidindo co inicio da poxa de adxudicación do sistema de interrompibilidade, que empeora as condicións das anteriores convocatorias ao reducir os bloques e as contías, axudando así a afondar na crise que atravesan as industrias con grandes consumos enerxéticos.
A CIG reitera que esta poxa é unha auténtica ruleta rusa e a verdadeira causa da inestabilidade e do risco permanente dos postos de traballo neste sector e por iso demanda a aprobación inmediata do estatuto do consumidor electrointensivo comprometido polo Goberno español e a superación do actual sistema de interrompibilidade. Aproveitando a concentración, a CIG trasladou por escrito estas demandas á Ministra de Industria e á Ministra de Transición Enerxética "para emprazalas a que cumpran as súas promesas, que non sigan mentindo e que non atrasen máis unha solución definitiva para este sector".
O secretario xeral, Paulo Carril, lembrou que a CIG "leva anos mobilizándonos na defensa dunha regulación máis xusta e equitativa, que recoñeza o estatus da industria electrointensiva a través da creación dunha tarifa industrial máis xusta, estábel e predicíbel". Con este obxectivo, a central sindical elaborou en outubro de 2018 unha proposta de tarifa eléctrica para este tipo de industrias que remitiu até en catro ocasións ao Goberno español e pola que tamén mantivo unha reunión en decembro pasado co comisario europeo de Enerxía.
Carril puxo o acento na importancia estratéxica que esta demanda ten para Galiza (onde se concentra a maior parte desta industria con grandes consumos) que choca "coa acumulación dos atrasos e dos incumprimentos do actual Goberno español para dotarse dun marco regulador do prezo da enerxía que garanta a industrialización e a creación de emprego". O secretario xeral da CIG subliñou que "os postos de traballo non poden verse en risco permanente ou as industrias en constante ameaza de peche polos altos prezos da electricidade, menos aínda nun país como Galiza que é gran produtor e exportador de enerxía".
Neste sentido, Carril engadiu que resulta aínda máis incomprensíbel que o PSOE manteña vixente o sistema de adxudicación da interrompibilidade aprobado polo Goberno do PP en 2013, pois as poxas xa teñen demostrado "que son verdadeira causa da inestabilidade e dos riscos permanentes á continuidade de milleiros de postos de traballo".
Reiterou a necesidade de superar este perverso sistema de poxa, que cualificou como "unha auténtica ruleta rusa", na que se están en xogo os postos de traballo e as inversións nas fábricas e cuxas negativas consecuencias vense agravadas polas condicións da poxa que hoxe comeza, ao ter un carácter semestral e implicar un recorte importante nos bloques e nas contías a adxudicar.
Perigan os empregos e as inversións nas fábricas
Nesta liña, o presidente do comité de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo (CIG), advertía que "somos a seguinte fábrica no abismo", destacando que o complexo da Mariña é a industria máis electrointensiva que existe nestes momentos en Galiza. "Pero a solución non é o sistema de poxas que nos levou a esta situación e que cada vez está máis recortado. A solución pasa por aprobar un estatuto que o Goberno non dá sacado porque non fixo os deberes. Isto é unha irresponsabilidade enorme porque nos leva ao peche das industrias e o desmantelamento dun sector estratéxico para nós como o do Aluminio".
Abundando nesta cuestión, o presidente de Celsa Atlantic, Agustín Méndez (CIG), explicou que o Grupo Celsa acaba de anunciar unha inversión de 60 millóns de euros en Francia para pór en marcha un tren de laminado con capacidade para producir 600.000 toneladas de aceiro "que poderíamos producir na planta da Laracha". "Na situación de incerteza na que estamos pola falta dun marco regulador da enerxía, as empresas prefiren investir fóra, onde lles garanten un prezo da electricidade máis estábel e competitivo". Méndez subliñou que nos últimos dez anos, na planta de Celsa da Laracha perdéronse a metade dos postos de traballo e recortouse a produción, precisamente pola incerteza que xera esta falta de regulación.
Sobre a situación de Alcoa da Coruña, o delegado da sección sindical da CIG, Serxio Mosquera, subliñou que polo momento "todo está no aire, non hai nada concretado sobre a venda da planta". Mosquera sinalou o escepticismo que predomina entre o cadro de persoal "porque levamos xa moitos meses pelexando e o Goberno español aínda non cumpriu nada do prometido. Non nos fiamos de ningunha das partes", aseverou.
As manobras de Ferroaltántica
A respecto da situación en Ferroatlántica en Arteixo, o delegado da CIG, Víctor Naya, sinalou que hoxe se está votando o plan industrial proposto pola empresa "que é moi semellante ao presentado en 2017" e que condiciona calquera inversión na fábrica de Sabón á escisión da fábrica do resto da unidade industrial e a desvincularse das centrais hidroeléctricas. "Non podemos asinar un preacordo baixo estas condicións, que nos deixan sen a cobertura e o garante das concesións hidroeléctricas que tutela a Xunta". Ademais, engadiu, nese paquete de medidas que ofrece Ferroatlántica tampouco se inclúe a retirada do ERTE que a empresa ten sen aplicar dende o 1 de marzo.
Pola súa banda, Alfonso Mouzo, voceiro da CIG en Ferroatlántica Cee-Dumbría e Centrais Hidroeléctricas, apuntou que a representación social está pendente de manter unha reunión co conselleiro de Industria, a quen lle demandou facer unha fronte común para evitar que o Grupo Villar Mir leva adiante unha segregación encuberta das centrais.
Hai preto dun mes, engadiu, diante dos movementos que estaba a facer a empresa "trasladámoslle ao conselleiro e a todos os grupos parlamentares a necesidade de buscar un grupo industrial, preferibelmente galego, para que adquiriran as nosas fábricas, porque o que quere facer Ferroatlántica é unha auténtica tomadura de pelo".
Mouzo refírese ao proxecto de venda formulado por Ferroatlántica a un fondo de inversión norteamericano (con intereses no negocio da enerxía mais sen relación co sector das ferroaliaxes) que, de autorizarse, deixaría as fábricas de Cee e Dumbría como unha especie de subcontrata de FerroGlobe, xa que malia teren nova propiedade, as plantas dependerían en exclusiva das decisións de FerroGlobe ao ser o seu único provedor de materia prima e o único comprador da produción, pero sen as garantías das concesións hidroeléctricas.