Delegados/as da CIG nas ambulancias de Pontevedra reclaman mellorar o servizo aos pacientes
Delegados/as da CIG non sector de ambulancias compareceron en rolda de prensa xunto ao secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, para denunciar que a Xunta segue sen atender as propostas presentadas hai case un ano para mellorar o servizo a pesar de que se trata de medidas que non supoñen gasto económico adicional.
Aboi explicou que os representantes sindicais no sector trasladáronlle ao xerente da EOXI de Pontevedra-Salnés unha serie de melloras “sen gasto económico e para as que non se precisaban nin facer obras”, pero que pola conta ían mellorar sensiblemente o servizo que se lles presta aos pacientes. Por exemplo, evitando que se mollen cando chegan ao hospital ou garantindo que os lugares onde teñen que estacionar as ambulancias non estean ocupados por furgonetas de transporte ou por vehículos policiais.
“Pois a día de hoxe o xerente non fai quen de manter unha xuntanza cos traballadores/as para abordar estas cuestións”. En consecuencia, lamenta que unha área sanitaria que foi punteira no servizo aos pacientes covid e aos pacientes hospitalarios é incapaz de buscar unha solución a estas problemáticas para prestar un mellor servizo.
Pola súa banda, os delegados/as de ambulancias sinalaron que as propostas pasaban por arranxar as cubertas do hospital Montecelo para que non se mollen os pacientes; evitar que os transportes de loxística e mesmo os vehículos particulares ocupen as zonas de estacionamento das ambulancias; e que os días de temporal se puidese usar a entrada principal. “Pois pasados oito meses aínda non obtivemos resposta, polo que semella que lles dá igual o servizo que se lle presta aos pacientes”.