Delegados/as da CIG na construción na Coruña mobilízanse contra o convenio de miseria asinado por UGT e CCOO
Delegados e delegadas da CIG no sector da construción concentráronse este xoves diante da patronal APECCO para manifestar o seu rexeitamento ao convenio da Coruña que o empresariado, UGT e CCOO veñen de asinar nunha reunión “ás agochadas á que nin sequera convocaron á central nacionalista”, malia ter case a metade da representación sindical.
A concentración estivo precedida dunha asemblea de delegados/as na que avaliou o contido do convenio e se fixo un chamamento a participar na protesta convocada para o próximo domingo, 25 de xuño, ás 12:00h, no Obelisco.
O secretario de negociación colectiva da FCM-CIG, Mario Maceiras, denuncia que se trata dun convenio que calca literalmente todos os aspectos negativos do estatal, sen permitir ningunha marxe de manobra para negociar melloras reais nas condicións de traballo do persoal da provincia da Coruña. Deste xeito, advirte, o convenio estabelece incrementos irrisorios pola metade do IPC, sen contemplar cláusula de revisión salarial, "e por enriba destinando parte dos incrementos salariais ao Plan de Pensións Privado que as cúpulas sindicais e patronais estatais veñen de pactar para que a gran banca especule aínda máis co noso salario".
Critica as formas nas que se produciu a negociación (da que se excluíu de maneira sistemática á CIG) e a renuncia expresa de UGT e CCOO á mobilización e ao conflito para conseguir un convenio digno, tal e como se está facendo noutros sectores. E neste senso lembra que o persoal da construción “xa viñan de perder o 4% do poder adquisitivo en 2021, ao que, coa sinatura deste convenio haberá que sumarlle outro 2,7% de perda de poder adquisitivo en 2022”.
Precisamente, Maceiras chama a atención sobre o impacto que a precarización das condicións laborais e salariais ten na fuxida masiva de persoal cara a outras actividades, pois aínda que a carga de traballo non parou medrar, recuperando case o nivel de obra precrise, o sector pasou das 37.000 persoas ocupadas a apenas 30.000, o que implica que 7.000 persoas abandonaron esta actividade no último ano. "A marcha de man de obra estase agravando porque o persoal xa non acepta ir traballar a centros de quilómetros da súa casa por apenas 1100 euros", incide.
Para a CIG-Construción é obvio que para que os traballadores e traballadoras recuperen a confianza no sector e que a xente nova o volva ver como unha saída profesional, hai que facer xustamente o contrario: “salarios decentes, mellores condicións de traballo, que se teñan en conta as penurias e o gran esforzo físico e mental que xa supón o sector en si mesmo, e se recompense a quen aposte por el cunhas condicións de vida dignas”.