Protestan na casa do xerente de Faibus polo despido dun afiliado da CIG que reclamou os seus dereitos laborais
Arredor de medio cento de delegados/as da CIG desenvolveron hoxe unha concentración diante do domicilio do xerente de Faibus UTE, empresa de transportes con sede no polígono do Rebullón, en Mos, para esixir a readmisión dun traballador afiliado da central que foi despedido de xeito arbitrario tras reclamar os seus dereitos laborais.
Dende a FGAMT-CIG de Vigo explican que coa protesta no domicilio particular do xerente de Faibus, José Manuel Álvarez, situado na parroquia de Vilasobroso, no concello de Mondariz, queren denunciar a actitude represiva da empresa con calquera persoa que reivindique os seus dereitos laborais, como foi o caso do afiliado despedido.
“Este empregado traballa moitas horas que non se lle abonan e carece dun horario fixo, polo que decidiu reclamar; entón a empresa tomou represalias contra el e despediuno”, denuncian.
Esta rescisión de contrato inxustificada xa foi denunciada no Xulgado pola CIG, ao tempo que apostou por deseñar un calendario de protestas que se iniciou coa concentración de hoxe e que continuará nos vindeiros días. “Imos seguir mobilizándonos até lograr a súa readmisión”, aseguran dende a central.