Delegados/as da CIG rexeitan a represión sindical de Froiz con protesta en Pontevedra
Un nutrido grupo de delegados/as sindicais da CIG desenvolveu hoxe unha concentración diante dun dos establecementos da marca Froiz en Pontevedra para rexeitar a campaña de acoso que a empresa mantén contra unha representante da central no comité de Moldes, cadea de supermercados que foi adquirida por Froiz en 2014.
Segundo explican dende a CIG-Servizos de Pontevedra, o acoso a esta traballadora -que tamén é a presidenta do comité de Seguridade e Saúde Laboral, membro da mesa negociadora do convenio de comercio de alimentación e secretaria da sección sindical da CIG en Moldes- comezou hai xa un ano, tempo no que a empresa lle aplicou dúas sancións moi graves. A última delas por presuntamente ter chegado 10 minutos tarde a traballar durante catro días.
Mais na central están convencidos/as de que se trata dun claro caso de represión sindical, “xa que a empresa pretende amedrentar a esta traballadora por ser a cabeza visíbel das reivindicacións dos seus compañeiros/as”. De feito, os problemas con ela inícianse pouco despois de que a central lograse representación na empresa por primeira vez. A compra de Moldes por parte de Froiz prodúcese en 2014, e un ano despois teñen lugar as eleccións sindicais, nas que a CIG obtén 5 dos 13 delegados/as do comité.
“Entón esta compañeira comeza a facer labor sindical e a medida que visita os centros de traballo os seus compañeiros/as quéixanse do exceso de xornada que están a realizar, polo que decide levar o tema ao comité e presentar denuncia na Inspección de Traballo, que constata este extremo e mesmo sanciona a empresa”, indican.
Fraude coas horas extra
En concreto a autordade laboral detectou que o persoal está a facer unha media de 48-50 horas semanais, sen cobrar nin cotizar por este exceso de xornada, “algo que constitúe unha fraude”. Diante disto a traballadora decide reclamar un rexistro de xornada para saber exactamente as horas que fai cada empregado/a, mais a empresa négase. “Pero agora botan man dunhas supostas imaxes das cámaras de videovixilancia nas que se vería como a empregada chega tarde para sancionala”, denuncian.
É por iso que a central decidiu iniciar mobilizacións diante de establecementos da marca en Pontevedra. Nesta ocasión a protesta tivo lugar no supermercado da rúa Benito Corbal, no cento de cidade, para visibilizar o conflito. Alí, un nutrido grupo de delegados/as da CIG -que previamente participaron nunha asemblea para preparar a conmemoración do Primeiro de Maio- permaneceu de 11.30 a 12.15 horas berrando consignas contra a represión sindical.