A CIG-Industria solidarízase co traballador de GRI Towers do Carballiño sancionado pola empresa
Un grupo de delegados/as da federación de Industria da CIG de Ourense mobilizouse hoxe en solidariedade co traballador da empresa GRI Towers do Carballiño que foi sancionado pola empresa por reclamar os seus dereitos. Dende a central sindical denuncian que a compañía puxo marcha unha campaña de represión sindical tras a folga do ano pasado en defensa dun convenio digno no siderometal.
Segundo explican dende a CIG-Industria, a protesta tivo lugar a primeira hora da mañá diante dos xulgados da cidade coincidindo coa celebración do xuízo no que se reclamou a nulidade dunha sanción “inxustificada” e ao entender que se trata dun novo caso de represión sindical.
“A dirección de GRI Towers está empeñada en amedrentar con sancións e ameazas os compañeiros/as que se organizan co obxectivo de reivindicar os seus dereitos laborais”. De feito, é a segunda ocasión na que este traballador é sancionado pola empresa.
Neste censo, a política represiva de GRI Towers xa foi contestada na rúa hai xusto agora un ano, cando varios centos de persoas percorreron O Carballiño en manifestación en defensa do dereito de folga e contra a represión sindical despois de que a dirección denunciara pola vía penal a catro traballadores, aos que acusara de danos por valor de 138.000 euros durante a folga por un convenio digno no sector do siderometal da provincia de Ourense.