Delegados/as da CIG en Nueva Pescanova abordan en asemblea o ERE para 100 traballadoras/es
A maior parte parte dos delegados/as da CIG en Nueva Pescanova participaron onte na asemblea convocada en Vigo pola FGAMT-CIG para abordar o escenario que se abre na empresa tras o ERE extintivo para 100 traballadoras/es que vén de anunciar a dirección. Dende a central sindical adiantan que apoiarán a loita das compañeiras/os afectadas/os e anuncian que "estaremos preparados/as para facerlle fronte e defender o mantemento do emprego cando os despidos colectivos cheguen os centros industriais".
No encontro celebrado pola mañá no local do sindicato na cidade estiveron presentes representantes sindicais dos centros de traballo de Pescanova en Chapela, Arteixo e O Porriño e de Insuíña en Xove e Mougás, todos eles pertencentes ao grupo Nueva Pescanova. Tamén participaron a propia secretaria nacional da FGAMT, Dores Martínez, e o secretario comarcal da federación en Vigo, Suso García.
Ao remate os responsábeis sindicais explicaron que durante a asemblea analizouse a problemática laboral derivada duns despidos que en principio afectarán só as oficinas centrais de Chapela. “Aínda que cremos que as rescisións de contratoz non se van limitar unicamente a 100 persoas e que tampouco afectarán só ao persoal de oficina”, sinalaron.
En consecuencia, adiantaron que a central sindical apoiará a loita das traballadoras/es afectadas/os nun calectivo entre o que a CIG non conta con representación, xa que o comité de empresa está integrado por 6 delegados/as de CCOO e 5 da UGT) e incidiron en que "estaremos preparados/as para facerlle fronte á empresa para defender o mantemento dos empregos cando os despidos cheguen os centros industriais".
Xa que consideran que non ven motivos para transmitirlle tranquilidade ao cadro de persoal dos centros industriais tendo en conta que, "como xa dixemos cando coñecemos a operación de venta do grupo á canadense Cooke, seguimos sen coñecer o modelo de negocio do futuro propietario. Entre outras cuestións porque a dirección de Nueva Pescanova non tivo a ben convocar a representación sindical para informar desa cuestión primordial para asegurar o mantemento dos postos de traballo".