Delegados/as da CIG en Alcoa e as auxiliares mobilízanse contra o desmantelamento da factoría e na defensa dos empregos
Delegados da CIG en Alcoa e nas compañías auxiliares realizaron accións de protesta a primeira hora desta tarde diante dos concellos de Xove e de Burela en contra o desmantelamento da factoría e para reclamar a intervención dos gobernos español e galego na defensa dos empregos e da actividade industrial do principal motor económico da Mariña.
Estas protestas enmárcanse nas accións que a CIG está a realizar tras a decisión da multinacional do aluminio de non reconstruír as cubas de electrólise ao final da súa vida útil, o que xa tivo consecuencias directas sobre o emprego de dúas auxiliares, Reymogasa e Cyrgasa que presentaron expedientes de regulación temporal de emprego.
Con esta decisión Alcoa avanza no plan de desmantelamento da factoría de San Cibrao pois de aquí até final de ano, sumando ás que xa están apagadas, 90 das 512 cubas que hai estarán mortas, "seguindo o camiño das plantas da Coruña e Avilés". A isto hai que engadir que a dirección tamén anunciou unha redución do mantemento non esencial así como das inversións a nivel global, cuxo impacto no complexo da Mariña aínda se descoñece.
"Estamos aquí para protestar contra o desmantelamento iniciado por Alcoa, que afecta en primeiro termo ao persoal das auxiliares, pois xa temos compañeiros que están na casa. Pero tamén para demandar do goberno español e da Xunta de Galiza que exerzan as súas competencias e actúen para evitar esta desfeita e os despedimentos nas auxiliares", sinala Kike Rocha, delegado da CIG na industria auxiliar.
Rocha lembra que o persoal das contratas representa “o 50% da masa de traballadores e traballadoras da factoría, cun total de 1000 postos”. Porén, coa decisión de Alcoa de non realizar a rebrascaxe das cubas “vemos como comeza o principio da fin da actividade na fábrica e os primeiros en pagar a factura somos sempre os traballadores/as das auxiliares”.
Alcoa debe aclarar cal é o plan de futuro para a fábrica
Os delegados e delegadas da CIG demandan da dirección de Alcoa que sexa clara sobre cales son as intencións e cal é o plan de futuro que manexa para a factoría de San Cibrao. Neste senso, Rocha sinala que parar as cubas cando chegan á fin do ciclo de vida útil, "parece unha mostra do desinterese para volvelas poñer en funcionamento en canto o mercado mundial se reactive; de haber interese por arrancalas, estas cubas seguirían o proceso de desbrascaxe e realización do mantemento ordinario”.
Diante disto, a central sindical pide a intervención da Xunta na busca dunha solución para que non paren as cubas, así como para que ningún traballador/a de empresas auxiliares perda o seu posto”. E na mesma liña, demándase do Goberno español a súa inmediata actuación "para que a multinacional non deixe morrer a nosa factoría, esta recupere o 100% da actividade e non se perda ningún emprego”.