Delegados/as da CIG concéntranse na CEC para rexeitar a proposta patronal para o convenio do metal
Delegados e delegadas da CIG no sector do metal concentráronse na mañá deste venres diante da sede da Confederación de Empresarios/as da Coruña para amosar o seu rexeitamento á proposta da patronal para o convenio provincial de siderometal, que non responde ás demandas trasladadas pola representación sindical.
A protesta realizouse ao rematar a asemblea de delegados e delegadas da CIG-Industria, que se celebrou na explanada do edificio sindical da Coruña, para abordar a situación da negociación e valorar os pasos a seguir. Neste senso, Eduardo Caamaño, voceiro da CIG na mesa de negociación, explica que a mesa se constituíu a finais de 2019 mais a pandemia deixou en suspenso as reunións durante todo o pasado ano.
Ante este parón, as tres centrais sindicais remitíronlle en abril á patronal unha proposta pechada para un acordo parcial sobre as táboas de 2020 cunha suba salarial do 1% e o compromiso de seguir negociando o articulado do texto durante este ano, establecendo un calendario de reunións periódicas, e abordando aquelas materias que para a CIG son fundamentais pero que quedaron fóra do convenio actual, como o dereito á subrogación do persoal das contratas, limitacións á contratación a través de ETT, o control das mutuas ou recuperar a revisión salarial que existía previamente.
Porén, a patronal respondeu cunha contraoferta de suba salarial do 0.5% para 2020 e do 1% para 2021 e sen garantía de negociar outras melloras sociais e laborais. "Esta proposta non nos vale porque a plataforma unitaria que lle remitimos é pechada, co obxectivo de termos negociado este ano o novo convenio provincial no que se deben incluír melloras laborais, sociais e salariais", sinala.
O vindeiro martes, 25 de maio, está convocada xuntanza da mesa de negociación na que as centrais sindicais darán resposta á proposta da patronal. "Pola nosa parte xa lle dixemos que non a aceptamos e que non íamos entrar a negociar en base a esta oferta. Isto foi o que explicamos hoxe na asemblea de delegados e delegadas da CIG, á quen lles pedimos que nos trasladaran as súas opinións e que pasos dar se a patronal se mantén na súa postura", apunta Caamaño.
Por iso, con esta primeira mobilización tamén se quere advertir que a CIG non asinará ningún acordo se non leva implícito a negociación do conxunto do articulado do convenio colectivo. “Non imos admitir que se pretenda liquidar a negociación do convenio provincial do metal a cambio dunha mínima suba salarial, deixando sen resolver demandas fundamentais para o persoal do sector e afondando na precariedade laboral”, advirte a CIG-Industria.