Delegadas/os de CIG-Saúde reclaman no SERGAS a restitución dos salarios ‘roubados’ desde 2010
Delegados e delegadas da CIG-Saúde das distintas áreas sanitarias concentráronse esta mañá diante das dependencias do SERGAS, en San Lázaro, para reclamar a restitución dos salarios do persoal conxelados desde o ano 2010. Unha concentración na que se fixo entrega, ademais, dun escrito dirixido ao SERGAS lembrando as súas demandas e a obriga legal da administración de contestar aos requirimentos de información da Valedora do Pobo.
A CIG-Saúde dirixírase á Valedora para denunciar a negativa do SERGAS a proporcionar a información relativa ás retribucións do persoal ao sindicato e para solicitar que fora esta institución quen demandara eses datos. Segundo explicou a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, a Valedora así o fixo. “Porén, e tal e como consta na carta que nos remitiu a institución, o pasado 20 de agosto volveu dirixirse á consellaría para requirirlle novamente os datos, lembrándolle que é unha obriga legal”, explicou.
Van xa 11 anos de penalización retributiva
Transcorridos 11 anos desde que o SERGAS aplica esta penalización retributiva ao seu persoal, a CIG-Saúde considera que non se pode manter por máis tempo. “O recoñecemento do SERGAS ao traballo desenvolvido polo seu persoal non pode ser un castigo salarial permanente”, asegurou Abuín, quen exixiu que se remate con esta situación e se convoque mesa de negociación.
Nese sentido, a secretaria nacional de CIG-Saúde reiterou “a nosa vontade negociadora para a recuperación dos nosos dereitos” e lembrou a disposición do sindicato a negociar “un calendario de recuperación que se establecera en máis dun exercicio orzamentario”.
Porén, advertiu que se a Administración sanitaria segue a manter a súa negativa a convocar mesa de negociación e acordar un calendario de recuperación dos salarios do persoal do SERGAS, “isto só pode ser entendido como un grave insulto ao persoal da sanidade pública. Con esta negativa o que fai o SERGAS é non valorar o traballo, o compromiso e o coñecemento que as súas e os seus profesionais poñen a disposición da sanidade pública”, afirmou.
Convocatoria da mesa sectorial
Xunto a isto exixiu a convocatoria da mesa sectorial do SERGAS para abordar cuestións como a negociación dun calendario de recuperación dos acordos retributivos do persoal do SERGAS, suspendidos desde o ano 2010; a negociación dun Plano de Ordenación de RRHH para identificar as necesidades de persoal a curto, medio e longo prazo ou a dotación de persoal tras a aprobación do Plano de Ordenación de RRHH.